Os consellos e exercicios respiratorios que recomendan os médicos de familia galegos para os pacientes de Covid-19
A Asociación Galega de Medicina Familias e Comunitaria (AGAMFEC) propón unha “táboa de exercicios respiratorios” para axudar ás persoas convalecentes do coronavirus. O fin dos exercicios é “manter sans os nosos pulmóns e facerlle fronte ao coronavirus ben preparados”.
A Asociación Galega de Medicina Familias e Comunitaria (AGAMFEC) propón unha “táboa de exercicios respiratorios” para axudar ás persoas convalecentes do coronavirus. O fin dos exercicios é “manter sans os nosos pulmóns e facerlle fronte ao coronavirus ben preparados”.
Con todo, estes exercicios non están dirixidos exclusivamente aos enfermos, senón que poden axudar ás persoas que non pasaron a enfermidade para fortalecer o seu sistema respiratorio, algo que os axudará no hipotético caso de contraer o virus.
Traballar e descansar coas suficientes horas de soño, deixar o tabaco ou manter unha dieta equilibrada son algunhas das recomendacións básicas dos médicos de familia galegos. Ademais, os lavados nasais con soro fisiolóxico axudan a limpar o sistema respiratorio.
EXERCICIOS EN TRES PASOS
Desde AGAMFEC dan pautas para realizar exercicios para fortalecer a respiración en tres pasos. Para a respiración diafragmática abdominal os profesionais indican: “Coller aire lenta e profundamente polo nariz coa boca pechada ata a túa máxima capacidade, notando como a barriga comeza a inflarse. Soltar o aire lentamente pola boca cos beizos engurrados como se soprases, notando coas mans como a barriga vai desinflando. Axudarse coas mans para expulsar o máximo aire posible”.
Na respiración costal os médicos de familia explican que, en primeiro lugar, “hai que coller aire lenta e profundamente polo nariz, coa boca pechada ata a súa máxima capacidade, dirixindo o aire ao peito, que comezará a elevarse. Soltar o aire lentamente pola boca cos beizos engurrados como se soprases, notando como o peito baixa. Axudar coas mans para expulsar o máximo aire posible”.
Por último, a respiración con beizos engurrados. “Inspirar lenta e profundamente polo nariz. Aguantar o aire 2-3 segundos, se se pode. Soprar lentamente pola boca cos beizos engurrados como se se apagase unha vela”. Cada exercicio debe repetirse unha decena de veces.
Escribe o teu comentario