A área de Vigo sofre un lixeiro repunte no número de positivos, pero o resto de áreas galegas arroxan datos estables
Os datos do SERGAS mostran uns datos realmente esperanzadores no conxunto de Galicia. Aínda que actualmente hai 6.147 casos activos, na última xornada a estatística só creceu en cinco novos casos segundo os datos do Servizo Galego de Saúde.
Están relacionados os novos casos positivos rexistrados nalgunhas áreas galegas desde a retirada do material defecutoso aos sanitarios que motivou a denuncia que profesionais de enfermería fixeron a este medio onde aifrmaron que no CHUO realizáronse test ao persoal sanitario que usou ese material e que estivo en contacto cos pacientes con coronavirus? Aínda que en Ourense a situación parece normalizarse despois do repunte de onte, en Vigo a gráfica a pegado un lixeiro salto, con 38 novos positivos.
“Algún test deu positivo”, recoñecía a fonte do CHUO que denunciaba que as máscaras retiradas (82.000 en total entre as que foran utilizadas e as que non), ademais de "filtrar", "se caían das orellas e cobren moi pouco a cara". A estratexia do CHUO pode asimilarse noutras áreas galegas para coñecer o estado dos seus profesionais sanitarios, o que explicaría o aumento no número de casos na área olívica, que hoxe ten máis do dobre de novos casos que os que ofrecía hai 24 horas.
No resto de áreas, aínda que ningunha suma máis dunha vintena de novos positivos, todas aumentan as súas cifras con respecto ao domingo. Con todo, o repunte non é especialmente alarmante, aínda que si podería evidenciar que o uso do material defectuoso puido provocar infeccións entre o persoal sanitario. Doutra banda, ese mesmo persoal puxo en dúbida a efectividade dalgúns test.
Os datos do SERGAS indican que a tendencia galega segue sendo prometedora área a área a pesar desta pequena fochanca, xa que no seu conxunto as áreas están próximas á estabilidade en canto ao número de novos positivos, o que deixa entrever que as estritas medidas de confinamento foron efectivas na comunidade.
Ourense, que onte reflectiu as peores cifras con 33 novos casos, hoxe minguou os seus novos positivos ata a decena, polo que parece recuperar o ritmo estable que viña ofrecendo desde a semana pasada.
A Coruña, con 16 novos casos, e Santiago de Compostela, cunha ducia, son as áreas galegas con maior número de novos casos nas últimas 24 horas, despois de Vigo. Lugo, con dez casos como a área ourensá, tamén aumenta puntualmente o número de novos positivos.
Os mellores datos esta xornada chegan desde as áreas de Ferrol, con só catro novos casos, e Pontevedra, que apenas suma un novo caso ás súas cifras de positivos activos. Estas son, ademais, as dúas áreas con menos casos activos.
Este luns 20 de abril hai 6.296 casos activos en toda Galicia. Por áreas sanitarias, 1.408 pertencen a o área de Coruña, 605 a Lugo, 1.243 a Ourense, 508 a Pontevedra, 1.142 a Vigo, 1.046 a Santiago e 344 a Ferrol.
Hai que lembrar que o SERGAS, ao contrario que o Ministerio, só conta casos activos, desagregando os casos de persoas falecidas e de pacientes recuperados. Por iso a cifra de casos positivos do Ministerio sempre é superior á da Xunta.
Escribe o teu comentario