Non nos mintan máis e actúen, por favor!

Xosé María Dios Diz
Médico especialista de Atención Primaria de Outes.

Médico especialista de Atención Primaria de Outes. Plataforma SOS Sanidade Pública.

Segundo din todos os días, os e as voceiros do poder “a lealdade non está rifada coa crítica”, claro que só o aplican ás palabras e os feitos de Feijóo para con Sánchez, pero  disto todos e todas podemos falar e explicar o porqué de chegar á situación na que estamos agora, ao 14 de abril do 2020 (por certo: Día da República):


Como sucedeu co Prestige, pasamos dunha situación de enfermidade con moita mortalidade e contaxio...a unha Catástrofe Sanitaria pola mala xestión dunhas persoas irresponsables, que pasarei a explicar:


Agora, o Sr. Feijóo, de urxencia, vai contratar “médicxs” que non terminaron a súa formación, vai contratar a “especialistas” que aínda non teñen de forma oficial a especialidade... e antes, cando tamén facían falta profesionais e o mesmo Feijóo dicíao: “non temos Médicos nin Pediatras”, non se fixo; así, agora, pode facerse, e hai un ano, dous, tres, cando tamén facían falta…e non estabamos cunha Pandemia de Coronavirus, non se facía. Agora, tamén, é posible que se recuperen os profesionais que estaban xubilados (e que o propio Feijóo prohibiu que seguisen traballando ao cumprir a idade regulamentaria). Vaia, vaia!


Se derivamos pacientes á sanidade privada, cunha Lei creada polo Sr. Feijóo e chamada  eufemísticamente “Lei de Garantías de Prestacións Sanitarias” que o que provoca é que non  invístase o suficiente na Sanidade Pública, os servizos deterióranse e así temos a  desculpa para incumprir os prazos que a Lei establece e que eles crearon (o PP en solitario e en contra de todos e todas), temos a cuadratura do círculo: o PP é responsable de que se deriven os enfermos, pois creamos unha Lei que non somos capaces de cumprir, porque non investimos o suficiente en ela…


Cando falamos de precariedade laboral referímonos a profesionais contratados polo SERGAS en réxime de escravitude: contratos por horas en lugar de días, de luns a venres, sen contar o sábado e domingo aínda que continúe o mesmo persoal por meses, encadear centos de contratos por horas, días ou semanas, cando chegado a un tempo determinado debería pasar a persoal fixo nese posto, etc... Se o Sr. Feijóo é capaz disto, como pode dicir que “agradece enormemente a labor do persoal sanitario”? É un hipócrita que só pensa no seu futuro político, do que leva vivindo toda a súa vida, desde Director do Insalud, de Correos, da man de Romay Becaría ata presidente dun goberno monocolor do PP que foi e é responsable dos recortes máis importantes realizados á Sanidade Pública Galega nos últimos 11 anos. O seu maior crítica ao goberno de Sánchez estes días é pola falta de material: cando el privatizou o “Servizo de Subministración e Loxística á empresa Severiano Servizo Móbil”.


A Pandemia de coranavirus, está a poñer de manifesto que a política sanitaria en Galicia foi un despropósito, foi algo irresponsable, algo que o PP provocou a nivel de profesionais, de infraestruturas e que conseguiu manter tantos anos, polo adormecemento dunha sociedade que o votaba maioritariamente e unha oposición dividida que non foi capaz de articular unha  estrutura política que fixese fronte ao poder omnímodo do PP. Tamén está relacionado co control e dominio de medios de comunicación tan importantes en Galicia como a CRTVG e La Voz de Galicia. Inxectando diñeiro e controlando con comisionarios políticos estes medios, a sociedade estaba na ignorancia (ou mesmo manipulada polas súas  portavoces-tertulianos nestes medios) e non chegaba a pensarse que a política sanitaria dun grupo político podería ser privatizada e desmantelar o ben máis prezado que temos, que é a nosa saúde.


Que sentido ten a presenza militar nas roldas de prensa (que non sucede en ningún país do mundo afectado pola COVID-19) desta crise sanitaria? Para que se necesitan os tanques e unhas metralletas que meten medo con só miralas? Por que non se inviste o diñeiro que se malgasta en avións militares, acoirazados, portaviones, armas, etc. en  máscaras, luvas e equipos de protección fronte ao coronavirus? Por que non se inviste en promover unha vacina eficaz, un tratamento idóneo, investindo o diñeiro en científicos, profesionais da saúde,  investigadores, en lugar de algo que non nos pode defender en grao sumo básico: da nosa saúde?


Un dirixente que non é capaz de esixir a Madrid que se blinde esta cidade, que é o foco principal de transmisión do virus, e que por razóns persoais e políticas non é capaz de blindar Galicia, esa Galicia da que se enche a boca cando fala dela, pero que á hora de defendela é o primeiro en non facelo. Coa súa política, os dirixentes preferiron non blindar a 7 millóns de persoas e expandir un problema a 57 millóns na península ibérica: miúda irresponsabilidade e esperaremos que algunha xustiza tome cartas neste asunto debido á ignominia dos que toman as decisións nestes momentos.


Unha sociedade como a galega, onde Ourense ten un 31% de persoas maiores de 65 anos, está desamparada ante a perda de calidade dos servizos sanitarios. Unha sociedade envellecida, que ten as pensións máis baixas do estado español, que ten os salarios máis baixos e que a súa sanidade está en precario, temos que poñelo na responsabilidade do Sr. Feijóo, ese mesmo que agora se enorgullece do persoal sanitarios e desa sociedade á que está a levar a ser de segunda, cun goberno que non inviste en sanidade, pensións e en mellorar da calidade de vida da súa xente...e aínda así, ten maiorías absolutas!


Se non cambiamos o rumbo da historia neste tema, teremos uns servizos públicos deficientes, con morbilidad e mortalidade en aumento e a perspectiva de que para moitos e moitas será irreversible...ou xa tarde. O noso futuro e o dos nosos fillos e fillas está en perigo!


Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Máis opinión
Opinadores

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE