Coronavirus e democracia social

Manoel Barbeitos
Economista

Voces expertas din que nas dificultades é cando se alcanza a ver a auténtica natureza de todas as cousas, por caso estados, gobernos, medios de comunicación, empresarios, traballadores, cidadáns, etc. Seguramente a pandemia do coronavirus tamén terá o efecto de colocarnos diante do espello pero do que non cabe dúbida é de que está a poñer en evidencia as debilidades e fraxilidades das nosas sociedades. Por caso, tanto as debilidades da democracia española, e galega, como  a fraxilidade da conciencia cívica e cidadá.


Unha das manifestacións de tales debilidades témola, por caso, no manexo cada vez máis frecuente por parte dos gobernantes dunha linguaxe e un discurso belicoso fronte á pandemia: “esta guerra imos gañar”. Linguaxe e discursos que se acompañan dunha crecente presenza de persoal militar tanto nas roldas de prensa do Goberno como nas rúas en tarefas de vixilancia do cumprimento das ordes de confinamento. Unhas roldas de prensa nas que se informa prolijamente tanto sobre o número de sancionados e de detidos por non cumprir as normas de confinamento como do diñeiro ingresado polo Estado procedente das multas. En relación ao protagonismo militar e a nivel particular quero subliñar que as imaxes de Compostela practicamente tomada polo exército provocáronme calafríos. Era realmente necesario ese despregamento? Teño moitas dúbidas, porque nin estamos nunha guerra nin é precisa unha ocupación militar. Somos cidadáns, non soldados nun estado de excepción encuberto. Preocúpame que este estado de alarma se  enquiste e non recuperemos todos os nosos dereitos unha vez finalizado.


Por se estas accións non fosen en si mesmas preocupantes sucede que trasladaron a moitas conciencias cidadás a idea de que “estamos en guerra”. Pero, en guerra... contra quen?  Contra un virus? Lamento dicir que ás veces parece como que estamos nunha pelexa duns contra outros. Por caso das dereitas contra as esquerdas. Así cando en plena emerxencia sanitaria escoitamos a líderes das dereitas atacar ao Goberno español coma se fose culpable, o único culpable da pandemia e xa non da súa expansión senón da súa aparición –“alentando concentracións e manifestacións”-, un non pode por menos que reafirmarse no criterio político de que as dereitas españolas e os seus altofalantes, que son maioría, aínda non aprobaron a materia da democracia, pois seguen considerando a loita política como unha guerra de trincheiras. Asusta pensar en como sería esta crise xestionada polas dereitas.


Unha guerra na que parecen estar tamén os empresarios contra os traballadores. Así se pode asegurar que moitos están a aproveitar a pandemia para proceder a reducir planteillas nunha intensidade e dimensión -ao 30 de marzo máis do 25% das empresas solicitaran un ERTE- que resultan claramente oportunistas e esaxeradas. Unha dinámica que é moi perigosa para as propias empresas en particular e para a economía en xeral. Que dicir, por caso, dos grandes capitais que tentan sacar tallada da situación dos comprados? Que pensar do comportamento de grandes empresarios e banqueiros que aproveitan a crise de coronavirus para incrementar as súas ganancias na Bolsa ou en mercados financeiros como o das débedas públicas? Neste marco, e pensando en Galicia, se as pemes e o comercio polo miúdo pecha, que economía veremos logo da pandemia?


Finalmente resulta preocupante observar como un número importante de cidadáns fanse eco da retórica belicista e compórtanse coma se fosen policías ou vixiantes doutros cidadáns. Accións que nos traen á memoria vellas pesadelos. Parece coma se estivésemos nunha loita insolidaria entre cidadáns, vixiándonos mutuamente, acusándonos de non cumprir as leis de confinamento e de ser culpables da propagación do virus, increpándonos, denunciándonos -o  coronavirus propiciou que aparezan os que se dan en chamar “ chivatos de balcón” -, distanciándonos - “non che me achegues” -. Ai, si George Orwell (1984) levantase a cabeza! Unha pregunta: cando volvamos a normalidade, seguiremos vixiándonos uns aos outros? Aceptaremos novos sacrificios nos dereitos e as liberdades democráticas?


Pero é ben certo que toda historia ten, cando menos, dúas caras e esta conxuntura non é unha excepción. Así, as mostras de solidariedade -por caso, os balcóns solidarios-, xenerosidade –“voluntarios para o coronavirus”-, compromiso cívico – velaí a maioría do persoal da sanidade pública- e cultura democrática que brotan en todas e cada unha das esferas das sociedades española e galega animan e emocionan. O que pasa é que somos sociedades que aínda escondemos importantes déficits democráticos que, en situacións excepcionais como na actualidade, fanse máis visibles e notorios.


Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Máis opinión
Opinadores

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE