A partida está no aire

Manoel Barbeitos
Economista

Todo parece indicar que en Galicia imos a unha partida política (eleccións autonómicas) dun resultado moi incerto, dunha vitoria aos puntos. De celebrarse agora un tende a pensar que a vitoria electoral sería para as esquerdas. Pero de atrasarse pode xa que non estea tan clara esa vitoria e sexan as dereitas quen teña máis posibilidades.


As principais razóns deste aparente paradoxo hai que buscalas nos efectos derivados do bajísimo perfil que o debate político ten en Galicia (non hai máis que asistir a un pleno parlamentario para constatalo e observar, por caso, ao propio Presidente da Xunta de Galicia comportarse como un hooligan). Un baixo perfil que fai que o desenlace político poida depender máis de factores externos que da dinámica política interna por estar esta máis centrada na rifa que no debate político sobre o pais galego e os seus problemas.


Factores como, por caso, as eleccións catalás que, todo indica, celebraranse antes das eleccións galegas. Parece indiscutible que, dada a situación política española, o resultado das eleccións catalás vai condicionar o futuro inmediato do goberno español. Por caso, non sería o mesmo se as eleccións catalás dan unha abafadora maioría ás opcións políticas independentistas que se non é así. Tampouco segundo que forza política sexa a maioritaria. E desde o punto de vista de Galicia, tampouco será o mesmo escenario para as eleccións galegas que, por caso, o actual goberno español de coalición siga adiante ou que teñamos que ir a novas eleccións xerais. Sen desmerecer a importancia das eleccións vascas, tamén a celebrar este ano, o resultado das mesmas non parece que vaia a influír moito, máis ben pouco ou nada, na dinámica electoral galega.


Outros factores á incluír na partida política galega poden ser tanto o conflito co Ministerio de Facenda, por mor dos pagos atrasados do IVE/IVE as comunidades autónomas, como a situación das industrias  electrointensivas. Conflitos cuxa solución vai depender basicamente das decisións que adopte o goberno español e que, seguramente, terán consecuencias electorais pero, como nos ensina a experiencia, menores do que algúns pensan. Aínda que a Xunta de Galicia (PP), e moi especialmente o seu presidente A.  Núñez Feijóo, focalizou nestes conflitos unha parte moi relevante do seu discurso reivindicativo, as esquerdas non deberían caer nesa dinámica, pois o resultado final das eleccións autonómicas  non vai depender de como se resolvan estes conflitos.


Debería ser a sociedade civil galega quen co seu protagonismo reivindicativo termine por inclinar a balanza ao carón ou ao outro. Pero non está nada claro que isto vaia a suceder, basicamente por dúas razóns. A primeira porque aínda que as esquerdas sumáronse á maioría das reivindicacións cidadás, máis que lideralas parecen ir a rebufo das mesmas, buscando a foto ou a portada nos medios. Tamén xoga en contra da obtención de réditos electorais a súa crónica división, que lles resta forza protagonista e dispersa os posibles beneficios electorais.


Neste escenario seguramente cobren relevancia outras circunstancias políticas tales como a presenza electoral, no campo das dereitas, tanto de Cidadáns como, moi especialmente, de Vox. Si facemos caso ás últimas contendas electorais non parece descartable que Vox entre no Parlamento galego, algo que, con toda seguridade, irá en prexuízo do Partido Popular que vería perigar a súa maioría absoluta. Un escenario que faría cambalear toda a política galega. Tamén cobra importancia, máis da que se pensa, como se presente ao electorado o galeguismo de esquerdas agora moi dividido. Se o BNG segue na súa teima de ir en solitario non cabe a menor dúbida de que este espazo volvería ocupar un lugar moi secundario na escena política galega, debilitando con iso a opción de cambio. Galicia estaría así, politicamente, máis preto de Estremadura que do País Vasco ou Cataluña, xa que a opción de cambio dependería maiormente dos resultados electorais do PSdeG-PSOE e UP que, como sinalaba en artigos anteriores, parecen querer centrar a súa axenda política para Galicia en aproveitar os réditos que poidan vir do goberno español de coalición (PSOE/ UP).


Como se pode ver son aínda moitas as incógnitas para despexar. A partida está no aire.


Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Máis opinión
Opinadores

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE