O boom de turistas estranxeiros en Galicia chega aos 1,4 millóns ao ano
O Goberno galego realizou máis de 100 accións de promoción turística en máis de 30 países en ano pasado
Os visitantes foráneos son xa un de cada catro turistas que visitan o país grazas a fenómenos como o Xacobeo
Turista xaponesa que se perdeu facendo o Camiño de Santiago
Así o reflicten as cifras mencionadas este xoves polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, tras a reunión semanal do seu Goberno, na que se deu conta da actividade promocional e turística da Comunidade en 2019.
O pasado ano, o Goberno galego realizou máis de 100 accións de promoción en máis de 30 países, que contribuíron a consolidar e fidelizar os principais mercados emisores, en especial Portugal, Alemaña, Francia, Italia ou Reino Unido, así como a ampliar e diversificar os mercados con máis potencial, como Corea, China, Rusia ou Australia.
O principal exemplo do resultado deste traballo é o mercado americano, que hai unha década achegaba uns 23.000 viaxeiros a Galicia e que, actualmente, supoñen máis de 115.000.
De forma paralela, Galicia traballa tamén para mellorar e consolidar o seu posicionamento nos mercados nacionais, con accións que capten o turismo de proximidade a través de produtos asociados ao turismo urbano, de natureza ou rural, entre outros.
INICIATIVAS DE PROMOCIÓN
Durante o pasado ano, a Comunidade realizou máis de 100 accións de promoción en mercados como Países Baixos, Finlandia, Francis, Irlanda, Bélxica, Italia, Alemaña, Rusia, Portugal, China, Corea, Polonia, EE.UU., Dinamarca, Arxentina, Filipinas ou Canadá, entre outros.
Entre elas, destaca a participación en feiras e workshops, un total de 47, das que o 70% foron de ámbito internacional. Galicia estivo presente, así, nos principais destinos turísticos do mundo, como Fitur, en Madrid, a ITB de Berlín ou o World Travel Market de Londres.
A maiores, estableceu contactos en feiras especializadas en produtos desestacionalizadores, como as relixiosas, onde se promocionou o Camiño de Santiago e o Xacobeo 21, así como en certames vinculados co turismo náutico, de natureza ou ornitolóxico.
A promoción internacional reforzouse a maiores con presentacións do destino ante operadores de Rusia, Polonia, Países Baixos, Italia, Luxemburgo, Portugal e Australia; a participación en xornadas directas para profesionais do turismo en Kuwait ou os cursos de capacitación para operadores de turismo impartidos en Brasil.
En colaboración coas oficinas de turismo de Turespaña, a Xunta impulsou en 2019 un total de 27 viaxes a Galicia para dar a coñecer os seus recursos e produtos, que contaron con máis de 120 participantes.
Hai 10 anos, explicou a Xunta, o turismo estranxeiro supoñía a apenas o 15% de todos os viaxeiros que chegaban a Galicia, mentres que actualmente é o 24%. Por mercados, Europa continúa sendo o principal emisor, con países como Portugal, Alemaña, Francia e Italia á cabeza. Fóra deste ámbito, destaca o crecemento de Estados Unidos.
Escribe o teu comentario