O SERGAS admite o dereito dos galegos para ser atendidos na súa propia lingua tras o vivido no Álvaro Cunqueiro
O episodio ocorrido hai uns días no hospital vigués, onde unha nai tivo que facer de tradutora do seu fillo despois de que unha pediatra reclamase "de malas maneiras" que o menor se dirixise a ela en castelán e non en galego, obrigou á área Sanitaria de Vigo a recoñecer o dereito dos usuarios para ser atendidos na súa propia lingua. O BNG pide "responsabilidades" e esixe unha "rectificación" da Consellería.
O episodio ocorrido hai uns días no hospital vigués, onde unha nai tivo que facer de tradutora do seu fillo despois de que unha pediatra reclamase "de malas maneiras" que o menor se dirixise a ela en castelán e non en galego, obrigou á área Sanitaria de Vigo a recoñecer o dereito dos usuarios para ser atendidos na súa propia lingua. O BNG pide "responsabilidades" e esixe unha "rectificación" da Consellería.
Fachada do Hospital Álvaro Cunqueiro
Desde o Hospital Álvaro Cunqueiro, consultado por este medio, remítense á comunicado da área Sanitaria de Vigo, onde recoñecen o dereito dos pacientes galegofalantes a ser atendidos na súa propia lingua. "Os pacientes galegofalantes teñen dereito a ser atendidos na súa lingua, con igual respecto e nas mesmas condicións que o resto dos pacientes", admiten.
Con todo, desde a EOXI subliñan que este sería, en todo caso, "un feito puntual, xa que a inmensa maioría dos profesionais da sanidade galega exercen o seu labor de maneira exemplar, tanto no referido aos aspectos estritamente médicos como en todo o relacionado co trato persoal ao paciente". "Esperamos que non sirva para facer xeneralizacións inxustas e descalificadoras", subliñan.
Polo momento, dentro da propia área sanitaria proseguen as investigacións para coñecer de forma máis detallada "as circunstancias deste feito", xa que segundo reflicte a nota o caso chegou a coñecemento das autoridades sanitarias "polos medios de comunicación". Con todo, admiten que esta circunstancia pódese dar por "algún profesional recentemente incorporado" que teña "dificultades nos primeiros días co idioma", aínda que recalca que se trataría "de algo puntual e acoutado no tempo". "En todo caso, de ser así, desde a área Sanitaria de Vigo pídense desculpas ao paciente e aos seus pais", conclúe a nota.
"EXPLICACIÓNS E RESPONSABILIDADE"
Por mor do ocorrido, desde o BNG adiantaron que pedirán "explicacións e responsabilidades" á Consellería de Sanidade por este episodio e pedirán unha "rectificación" para "respectar os dereitos lingüísticos" da cidadanía.
A portavoz dos nacionalistas, Montse Prado, lembra que o SERGAS é un dos organismos da Xunta que máis denuncias recibe por vulnerar os dereitos lingüísticos das persoas galegofalantes. En concreto, o Álvaro Cunqueiro foi obxecto de outras denuncias por parte de usuarios que sentiron que o centro vulneraba os seus dereitos.
"É inadmisible que a administración que debe garantir o respecto dos dereitos lingüísticos das galegas e galegos sexa a principal incumplidora", lamenta Prado, que ve nesta circunstancia unha falta "gravísima" e que, contrario ás explicacións emitidas pola EOXI olívica, "non é un caso illado". Proba diso son as queixas que recibe a Liña do Galego, da plataforma A Mesa pola Normlización Lingüística, onde o 12% das mesmas están relacionadas co SERGAS.
Escribe o teu comentario