Ao can Gosu "executárono unilateralmente", denuncia voluntaria do Refuxio de Bando
"A dirección executouno unilateralmente", critica unha das voluntarias do refuxio compostelán polo polémico sacrificio do can.
Unha das voluntarias do Refuxio de Bando (Santiago), Miriam Prieto, denunciou este xoves a decisión tomada polo centro de sacrificar a un dos seus cans, Gosu, despois de que o animal atacase a un traballador. "A dirección executouno unilateralmente", expuxo.
Este membro da asociación de voluntariado activo de Bando, que leva 11 anos vinculada ao centro, interveu no pleno municipal de Santiago deste xoves para criticar unha "xestión deficiente" en Bando. A decisión está a ser cuestionada por colectivos animalistas, como Abeiro.
Prieto referiu a Gosu como "un can con medo" e que "reaccionou por tensión ante unha mala xestión desde que entrou ao refuxio". Así, reprochou á dirección do refuxio que rexeitasen a cooperación ofrecida: "Había persoas e asociacións dispostas a rehabilitalo, medios técnicos preparados e acordo maioritario de concellos e Xunta para a súa cesión. Con todo, a dirección executou unilarialmente o sacrificio".
"O caso de Gosu non é illado; é consecuencia dun sistema mal xestionado", expuxo. A voluntaria enumerou, entre os problemas de xestión, unha "ausencia" de protocolos individualizados e situacións como a de "cans encerrados meses ou anos sen contacto humano" ou "gatos en gateras sen luz natural".
Tamén recolleu que a dirección comunicou o martes a decisión de suspender até novo aviso de desenvolveu de actividades de voluntariado no centro. "Quérennos silenciar por expresar unha visión crítica", acusou Prieto.
Neste contexto, a voluntaria solicitou ao Concello de Santiago a paralización de todas as eutanasias até a realización de valoracións etológicas externas, a apertura dunha investigación independente sobre o funcionamento do refuxio e o cesa "inmediato" da dirección.
Escribe o teu comentario