Así é a nova norma que clasifica a calidade dos cámpings de Galicia

A Xunta abre a porta de novas formas de explotación comercial de instalacións estables dos campamentos a través dos operadores turísticos

|


O Goberno galego aprobou este xoves o texto do novo decreto para a ordenación dos cámpings, que actualiza e renova a regulación vixente. Como unha das principais novidades está a clasificación por estrelas en cinco categorías.


Imaxe de arquivo dun cámping


ADAPTACIÓN Á NORMA EUROPEA

Galicia poderá así contar con cámpings dunha, dous, tres, catro e cinco estrelas, unha medida coa que a Xunta adapta a súa regulación á que está implantada noutras comunidades e noutros países da Unión Europea, e que substitúe a anterior clasificación que os identificaba como superior, primeiro e segundo.

O decreto fixa uns criterios en función das instalacións, equipos e servizos ofertados de forma que, por exemplo, os cámpings con maior número de estrelas deberán ofertar equipamentos como piscina exterior, parque infantil, salón de lecer ou xogos, lavadoras, lavalouzas ou servizos como restaurante, cafetería, supermercado, programas de animación ou servizos de gardería, entre outros.

Para que os cámpings actuais adáptense á clasificación por estrelas, a normativa galega fixa un réxime transitorio en cinco anos. Por tanto, de forma inmediata, os cámpings en funcionamento poderán seguir facéndoo nas condicións en que estean autorizados sen necesidade de adaptarse ás prescricións deste decreto de forma inminente, salvo as relativas a seguridade.

OUTRAS NOVIDADES
Ademais, segundo explicou o presidente galego, Alberto Núñez Feijóo, a nova norma regula tamén a creación de campamentos temáticos e, en resposta ás demandas do sector, créanse os que son exclusivos para autocaravanas, que terán servizos específicos.

Tamén se abre a posibilidade de que as instalacións estables dos cámpings, como cabanas ou bungalós, poidan ser comercializadas por intermediarios como operadores turísticos.

Feijóo remarcou que, en todo caso, de haber algunha queixa, o usuario poderá dirixirse directamente ao propietario do cámping.

MÁIS DE 120 CÁMPINGS
A nova regulación afectará en exclusiva aos cámpings de turismo, quedan excluídos os xuvenís, albergues, centros e colonias de vacacións escolares, así como a toda clase de acampadas non turísticas que estean reguladas polas súas normas específicas.

O decreto repercutirá directamente nos máis de 120 cámpings dados de alta no rexistro de empresas e actividades turísticas (REAT), que suman máis de 34.000 prazas.

Este tipo de turismo en cámpings consolídase en Galicia, xa que representa o 9,3 por cento da demanda turística en Galicia e, só o ano pasado, creceu un 2 por cento.

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE