"Os galegos aínda morremos mal", denuncia 'Dereito a Morrer Dignamente' que pide reunirse con Almuiña
Este sábado conmemórase o Día Internacional da Morte Digna. A asociación Dereito a Morrer Dignamente (DMD-Galicia) aproveitou a efeméride para reclamar unha reunión co conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, debido a que "catro anos despois da aprobación da lei" galega a Xunta de Galicia "apenas fixo nada por facela efectiva".
A 'Lei 5/2015, do 26 de xuño, de dereitos e garantías da dignidade das persoas enfermas terminais' aprobouse por unanimidade no Parlamento de Galicia. Con todo, "a pesar de que contaron con case un lustro desde a súa entrada en vigor, o seu cumprimento segue sendo limitado e desigual", denuncian nun comunicado.
"A cidadanía galega aínda morre mal, sen que se respecten os seus dereitos ao final da vida. Nin a Xunta de Galicia nin a súa Consellería de Sanidade mostraron ningunha vontade de mellorar esta situación".
DMD Galicia solicitou, desde febreiro, varias entrevistas co consellerio de Sanidade coa intención de achegar propostas para "emendar a deficiente aplicación da lei de morte digna" aínda que, "a pesar de tentalo por varios leitos, todas as peticións quedaron sen resposta".
Neste sentido, advertiron que esta actitude "ten consecuencias: unha maior carga de sufrimento para as persoas que, en situación de fraxilidade durante o seu proceso de morrer, atopan dificultades para que se respecten os dereitos que teñen recoñecidos".
"É inadmisible que a Xunta de Galicia non pareza interesada en promover e defender o dereito dos seus cidadáns para morrer con dignidade e a que se respecten os seus valores durante o seu proceso de morrer".
Escribe o teu comentario