Indignarvos e rebelarvos pero ide votar o 10-N

Manoel Barbeitos
Economista

Entre as varias informacións que nos subministra o derradeiro barómetro do Centro de Investigacións Sociolóxicas (CIS) destaca unha moi relevante que, nembargante, quedou practicamente tapada polo barullo partidario. Tratase de aquela que nos informa de como o problema que hoxe en día mais preocupa aos/as galegos/as, xunto co conxunto do españois, é o do paro . Unha información que pon unha vez mais en evidencia como na actualidade as estratexias dos partidos políticos non coinciden coas preocupacións cidadáns. Velaí unha das principais razóns que explican tanto o crecente desapego cidadán pola actuación dos partidos políticos como a previsión de que a abstención nas vindeiras eleccións xerais pode ser moi elevada. Unha abstención que, de producirse, terá moito de indignación e de rebelión.


Fai xa case unha década que o grande Stéphane Hessel escribira aquel manifesto (“Indignez-vous”) no que chamaba a cidadanía, e moi especialmente a xente moza, a indignarse xa que “todo bo cidadán debe indignarse actualmente por que o mundo vai mal, gobernado por uns poderes financeiros que o acaparan todo”. Uns poderes financeiros cuxa inmensa avaricia e total falta de escrúpulos levaron a Occidente a unha crise financeira (2009) de consecuencias por todos coñecidos. Un pouco mais tarde Hessel pediría ademais que nos comprometéramos e nos revelaramos (“Engagez-vous”) xa que “a indignación non é suficiente para cambialas cousas”.


Seguramente si vivira volvería a pedirnos aos españois e, xa que logo, as galegos que, visto o actual escenario político, nos volveramos a indignar e a revelar diante do lamentable comportamento partidario xeral pero moi especialmente dos dous partidos maioritarios da esquerda que non parecen ser quen de aproveitar, por razóns de falsos egos e infantís rivalidades, unha oportunidade histórica para, co apoio dunha clara maioría social, poñer en marcha toda unha serie de políticas públicas que reverterían a actual situación marcada por unhas crecente desigualdade social e territorial e un enorme deterioro do benestar social. Unha situación que ven provocada polas políticas públicas aplicadas polos derradeiros gobernos (PSOE e PP) e que en España, e en Galicia, elevaron os niveis de pobreza e desigualdade social a índices non coñecidos neste período democrático e que, na maioría dos casos, están provocados en grande parte polo elevado desemprego e os precarios salarios. Velaí a lóxica da crecente e prolongada preocupación cidadán pola realidade do mercado laboral.


Unha preocupación que, nembargante, non parecera ser tan elevada para os partidos maioritarios de esquerda (PSOE, PP) se temos en conta os seus últimos comportamentos nos que se evidencia que os intereses partidarios e partidistas antepóñense aos intereses xerais. Uns comportamentos que, segundo tódalas evidencias, están provocando indignación entre un número crecente de cidadáns. Indignación que pode reflectirse nunha elevada abstención na vindeira cita electoral do 10-N.

Decisión que, de darse, ríspeto pero non comparto. Non debéramos esquecer o custo terriblemente elevado que a conquista da democracia tivo en España e, xa que logo, en Galicia. Unha democracia que, aínda hoxe, é moi deficitaria polo que debemos defendela e fortalecela. Por outra parte esta mesma democracia, hoxe en día, mostra diversos camiños para expresar a indignación grazas, por caso, a contar cun escenario pluripartidista. Velaí unha das vantaxes de ter deixado atrás o sistema bipartidista.

Asemade moitos cidadáns estannos mostrando outras vías para dar canle i expresión a indignación. Unha das que está sendo moi utilizada é a de solicitar ao INE a baixa no rexistro que usan os partidos políticos para enviar a súa propaganda electoral. Outra é sumar a sinatura propia a demanda de que os deputados renuncien ao finiquito a que teñen dereito trala disolución das Cortes.


Accións que nembargantes non deberían impedirnos acudir a votar o vindeiro 10-N. Un voto necesario para a consolidación da democracia en España e en Galicia.


2159791



Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Máis opinión
Opinadores

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE