O turismo transfronteirizo como forma de construír Europa
O turismo é unha das principais fontes de emprego en Galicia, en España e na Unión Europa, como proba as repercusións da quebra de Thomas Cook. O Eixo Atlántico reclama ao novo Executivo de Bruxelas unha maior aposta por el, sobre todo en zonas fronteirizas, como unha forma de desenvolvemento económico e cohesión europea.
O Eixo Atlántico remitirá unha carta á futura presidenta da Comisión Europea, Ursula von der Leyen, unha vez que esta tome posesión do seu cargo, para demandar a creación dunha carteira de Turismo dado o seu "peso" no Produto Interior Bruto (PIB) dos países membros da Unión Europea (UE).
Nun comunicado, a entidade avogou pola creación de "unha liña orzamentaria" para impulsar medidas de promoción turística, que, segundo apuntou, na actualidade concéntranse nas principais cidades.
Tamén apostou por impulsar o Turismo de Fronteira, que busca fomentar como destino localidades de dous países que se atopen próximas. Precisamente, o secretario xeral do Eixo Atlántico, Xoán Vázquez, e a directora da Estratexia Europea da entidade, Marta Cabanas, desprazáronse a Satu Mare, unha cidade romanesa que fai fronteira con Hungría, para abordar este modelo turístico.
Así, esta sesión terá continuidade nun encontro ao que asistirán en Bruxelas en novembro eurodeputados dos 16 países participantes na iniciativa. Ademais, participarán responsables da Comisión Europea, da Representación Permanente destes países na mesma e do Comité das Rexións.
Escribe o teu comentario