Tomé: ​“Os cidadáns volverán apoiar ao PSOE porque é o mellor colocado para gobernar dende o centro”

Os socialistas non deben preocuparse pola repetición das eleccións dado que os cidadáns vanlle pasar factura aos que bloquearon a Pedro Sánchez, argumenta nesta entrevista con Galiciapress o presidente da Deputación de Lugo. José Tomé Roca abre una nova etapa nesta institución, lastrada na pasada lexislatura polos conflitos internos socialistas, que o novo mandatario cre pechados. A disolución de Suplusa e os plans de revitalización do rural son outros puntos desta conversación, que tamén trata o gran incendio que arrasou 465 hectáreas en Monforte, municipio que goberna dende 2015.


|

Os socialistas non deben preocuparse pola repetición das eleccións dado que os cidadáns vanlle pasar factura aos que bloquearon a Pedro Sánchez, argumenta nesta entrevista con Galiciapress o presidente da Deputación de Lugo. José Tomé Roca abre una nova etapa nesta institución, lastrada na pasada lexislatura polos conflitos internos socialistas, que o novo mandatario cre pechados. A disolución de Suplusa e os plans de revitalización do rural son outros puntos desta conversación, que tamén trata o gran incendio que arrasou 465 hectáreas en Monforte, municipio que goberna dende 2015.


Jose tome roca


José Tomé Roca


Unha das prioridades fixadas para o seu goberno é o "reequilibrio social e territorial". Que medidas concretas aplicarán por exemplo para loitar contra o despoboamento do medio rural?


Un dos obxectivos que planeamos cando iniciei o mandato era, en primeiro lugar, que a Deputación recuperara o funcionamento tranquilo e a estabilidade. En definitiva, que fóra o Concello dos concellos, que servira de soporte aos concellos máis pequenos. Loxicamente, unha das liñas de traballo ten que ser esta, axudar aos municipios que teñen limitacións de cadro de persoal, por exemplo na recadación de impostos.


Outra das cuestións importantes para nós é o tema social. O noso compromiso é seguir coa rede de residencias de maiores que temos comprometidas. Tanto na investidura como no pleno que pediu o PP quedou claro que imos cumprir os compromisos para que, sobre todo, nos Concellos pequenos as persoas que poidan recibir atención nos seus municipios e, asemade, que os postos de traballo nas residencias fixen poboación no rural.


No referido á despoboación, estamos abertos a colaborar con todas as administracións pero quen ten competencia para fixar políticas xerais, por exemplo de desenvolvementos industriais, son a Xunta e o Estado.


Monforte, o concello que vostede goberna, sufriu un dos maiores incendios do que levamos de verán. Ata que punto explícanse as continuas vagas de incendios por ese abandono do rural? Que lle parece que a Xunta poña sempre o foco no clima e os que prenden lume?


Hai unha relación evidente que nunha zona despoboada vai haber unha masa vexetal maior que onde hai máis poboación, onde hai maior aproveitamento. Iso non quita que a maioría dos lumes sexa provocados. O de Monforte foi claramente provocado. De alí a dous ou tres días que eu presenciei como en 300 metros había dous focos ao mesmo tempo. Media hora máis tarde apareceu noutro punto a seis ou sete quilómetros. Ao final non pasou a maiores. É evidente que hai xente que lle prende ao monte dun xeito desalmado e iso hai que rexeitalo.


Agora ben, dito isto, hai que dicir tamén que a xestión que se fai dos montes posiblemente é moi mellorable. Non só fixando poboación, que tamén, senón tamén cunha política forestal diferente.


Como debería ser esa política?


Non vale dicir, aquí podemos plantar eucalipto e aquí non. Ou como dicían, de Castroverde para abaixo non se pode e de Castroverde para arriba si. [A Xunta amagou cunha moratoria ao eucalipto nalgunhas partes de Galicia na pasada lexislatura, que non chegou a implantar finalmente]. Hai que establecer unha mestura de especies, unha delas pode ter un crecemento máis rápido, que pode ser bo para a economía, e outras autóctonas -carballos, castiñeiros, etc- que son especies que case loitan contra o lume elas mesmas, son zonas verdes que non arden ben e actúan case como cortalumes naturais e a longo prazo producen unha madeira moito máis produtiva que a dos eucaliptos ou dos pinos. Ademais, ten que haber rozas durante o inverno. Hai toda unha xestión forestal que posiblemente non se estea facendo e que sería por onde habería que ir.


Os primeiros indicios mostraban que o gran incendio de Monforte foi provocado. Ten algunha información máis recente respecto diso?


Había dúbidas. A Policía Nacional chegou a dicir que puidese ser incluso produto dunha labor agrícola. O certo é que naquel intre non había labor agrícola, pero tamén é certo que naqueles días estiveron a roxar na zona. Como non hai testemuñas directas, queda a dúbida do que pasou.


Vostede goberna un executivo de coalición co BNG, que leva importantes áreas como Medio Rural e Cultura. No pasado Galicia tivo experiencias dispares con gobernos bipartitos. Algúns que funcionaron ben, como o pasado da Deputación da Coruña, e outros non tanto, como o bipartito na Xunta. Que mecanismos de coordinación teñen en marcha para evitar duplicidades? Como están a ser ata o de agora as relacións co Bloque?


As relacións están sendo moi boas e non hai que eu saiba o máis mínimo problema. Para iso estamos tendo moitos contactos, case todos os días se consultan cousas. Eu creo que aprender da experiencia é importante. Somos un goberno único, formado por dous partidos, e que cada un ten unhas áreas. Temos que respectar a autonomía de cada grupo para xestionar as súas áreas dentro dunha entidade global. Até agora non houbo e agardo que non haxa ningún problema.


A súa elección como presidente provocou tensións internas dentro do PSOE de Lugo pois unha parte apoiaba que seguise Darío Campos. Están pechadas esas feridas? Como valora a xestión de Campos?


Non é exactamente así. Se houbo tensións internas, foi pola dimisión do secretario xeral de aquí, de Lugo, pero non por parte dos deputados provinciais. Eu fun elixido polo 100% dos concelleiros da comarca de Monforte e o mesmo ocorreu cos deputados provinciais. É certo que Darío [Campos, o ex-presidente provincial socialista e alcalde da Pontenova] postulárase, pero o partido nos seus órganos internos, na Comisión Federal de Listas escolleu uns deputados provinciais que me escolleron a min. Polo tanto, aí non houbo ningún problema. En todo caso, o tema do partido quedou pechado coa dimisión de Álvaro e a elección da nova secretaria xeral, Patricia. O partido está agora moi tranquilo e funcionando con toda a normalidade.


Vostede puxo énfase en que a Deputación debe deixar de ser noticia polas pelexas internas, en relación aos conflitos que xerou o ex-socialista Manuel Martínez, e recuperar unha imaxe institucional correcta. Que pasos están dando nese sentido ata o de agora e cren que o están logrando?


Humildemente, creo que si. Percibo, polo que escoito á xente e sobre todo polos medios da comunicación, dinos que a cousa mudou. Demostrámolo nos plenos, o funcionamento é de todo diferente. Cada un pode dicir o que queira, respectando a liberdade de expresión, pero dentro da orde do pleno, respectando tempos e quendas.


Talvez a decisión máis importante tomada no pouco que levamos de lexislatura na disolución deSuplusa, que presidía Martínez, cuxo trámite aínda pode demorarse anos. Por que era necesaria? Que calendario estiman para finalizala?


Suplusa foi un órgano importante para a Deputación no seu intre pero coa aplicación da nova lei de contratos, que entrou en vigor en marzo do ano pasado, digamos que o sistema de encargos que se facían polas administración aos seus entes cambiou. Iso por unha parte. Por outra, un organismo que loita contra o seu pai, que é a Deputación, é algo rarísimo. Non me imaxino que Augas de Galicia se revolva contra a Xunta ou TRAGSA contra o Estado. Que Suplusa se revolva contra a Deputación dende logo non é de recibo. Deixou de prestar a función que estaba prestando -e dende Marzo de 2018 deixou de ser medio propio- e ademais está causando problemas, pois o mellor é disolvelo. Iso foi o que aprobamos, iniciar o procedemento para extinguila.


Cun prazo de dous anos para concluíla …


Os técnicos indican ese prazo sería efectivamente de dous anos como moito, aínda que se podería prorrogar de ser necesario. Agora ben, se se pode facer antes, farase antes.


E que pasa cos traballadores, cantos hai e que vai pasar con eles?


Non chegan a 30. O noso compromiso é respectar os seus dereitos, non pode ser doutra maneira. Non caiba dúbida a ninguén, así o dixen nos plenos.


O Concello de Monforte convocou esta semana unha concentración de protesta polo triplo crime machista de Valga. Que lle parece que o PP pretenda aliarse cun partido, Vox, que nega a existencia de violencia machista?


É realmente lamentable. Primeiro, darlle o pésame a familia que sufriu de xeito tan tremendo a morte desas tres mulleres. Desgraciadamente só unha vai contar como vítima de violencia de xénero. Foi unha atrocidade.


Segundo, é lamentable que haxa partidos que agora pretendan erguer a bandeira feminista cando nunca o foron. Ademais, pactan con partidos que non recoñecen que haxa violencia de xénero, senón que falan dun tema doméstico. Que o arranxen nas casas; a labazadas, pero que o arranen nas casas, din.


Hai que lamentar que haxa partidos que por un lado din unha cousa e por outro fan outra. Teñen que darse conta que loitar contra a violencia de xénero é un problema importante, que nos afecta a todos, teñen que deixar de facer o ‘paripé’ e illar aos que a negan e falan de violencia doméstica.


Ao fío disto, as negociacións para formar goberno a nivel estatal parece que descarrilaron definitivamente. Ata que punto prexudican aos concellos, ás deputacións e á economía tantos meses sen un goberno definitivo?


Mellor é que houbera un Goberno, niso creo que estamos todos de acordo, en evitar as eleccións se se puidese. Pero tamén é certo, que os que acusan a Pedro Sánchez de irresponsable non moveron un dedo para evitar que non haxa goberno. Sen embargo, hai non tanto tempo, cando o presidente era Rajoy, os irresponsables eramos os socialistas por non absternos. Pois ben, agora tamén haberá algún irresponsable por non absterse, non? Por non facilitar a formación de goberno, a única posible, daquela era o PP e agora é o PSOE. Polo tanto eu creo claramente que hai culpables e non Pedro Sánchez claramente. Os electores votaron o que votaron, ben ou mal, e hai que permitir formar goberno. Iso non significa un cheque en branco ou renunciar a facer oposición. Hai que botar a andar a lexislatura e falar moito para chegar acordos. O lamentable é que se bloquee. Iso si, despois todo é polo interese da patria, pero desa patria olvídanse facilmente.


Esta parálise tamén afecta á economía. En concreto, refírome aos temores dos traballadores de Alcoa en San Cibrao pola non aprobación do estatuto das industrias electrointensivas que facilite un marco de prezos estable a empresas como esta fábrica de aluminio, principal fonte de emprego industrial na provincia …


En primeiro lugar, a Deputación está polo mantemento de Alcoa e dos seus postos de traballo. Outro cousa é que haxa buscar un encaixe a todo isto. Esta semana a ministra Reyes Maroto expuxo isto aos sindicatos e polas noticias que eu teño saíron moderadamente contentos. O goberno vai facer todo o posible porque se manteña. Vai levar á UE iniciativas para que Alcoa se beneficie das axudas polo C02. Alcoa é moi importante, representa case un terzo do PIB da provincia.


O PSdeG tivo uns resultados excelentes nas eleccións xerais e as enquisas do CIS colócano regularmente diante do PP en Galicia. Con todo, moitas persoas de esquerdas temen que a complicación para formar goberno no Estado empuxe a moitos simpatizantes do PSOE cara á abstención. Comparte esa preocupación? Ata que punto lastra as opcións de Gonzalo Caballero de acabar coa era Feijóo na Xunta o próximo ano?


Todas as enquisas, todas as do CIS e as dos medios, poñen ao PSOE como o partido máis votado. É certo é que hai variacións, pero a tendencia é esa, e que o PSOE vai subir. A nós non preocupar ter que ir a unhas eleccións. Tería sido mellor formar goberno pero non nos preocupa porque temos doado explicar quen intentou formar goberno e arranxar os problemas do país e quen simplemente se limitou a bloquear. Por exemplo, hai un partido que dixera que nunca faría a Rajoy presidente e ao final fíxoo, dixo que non ía pactar con partidos ligados coa corrupción e pactou co PP en Madrid e Murcia. E non só onde había casos de corrupción, senón que se apoian na ultradereita. E non poden dicir que un pacto que fai o PP, porque eles tamén o apoian. Os cidadáns van tomar nota e sinceramente creo que ao PSOE vaille beneficiar, non sei aos outros, e nós non imos ter problemas. Estou seguro que lle darán outra vez o apoio ao PSOE porque é o partido que está mellor no espectro político para poder gobernar dende a centralidade, que ao final é o que apoian sempre a maioría dos cidadáns. 

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE