Investigado septuaxenario de Nigrán por abusos e ameazas a varias coidadoras
A Garda Civil investiga a un home de 74 anos, veciño de Nigrán (Pontevedra), como presunto autor dos delitos de abusos sexuais, trato degradante, ameazas e coaccións a varias empregadas do fogar.
A Garda Civil investiga a un home de 74 anos, veciño de Nigrán (Pontevedra), como presunto autor dos delitos de abusos sexuais, trato degradante, ameazas e coaccións a varias empregadas do fogar.
Segundo a información da Garda Civil, o home contactou a través de páxinas de anuncios breves cunha coidadora e empregada de fogar, á que, posteriormente, coaccionaba co fin de manter relacións sexuais con ela.
As investigacións iniciáronse por mor da denuncia presentada pola última empregada de fogar que estivera traballando na casa deste veciño de Nigrán, a cal, aconsellada por unha traballadora social, puxo en coñecemento da Garda Civil o trato degradante e as vexacións das que estaba a ser obxecto no seu posto de traballo.
O relato desta vítima é similar, apuntan os axentes, ao que formularon outras mulleres que xa presentaran denuncia contra esta mesma persoa o ano pasado.
En todos os casos, recolléronse testemuños coincidentes, xa que todas declararon ser obxecto de tocamentos de carácter sexual de forma autoritaria e agresiva, non exentos de coaccións e coa ameaza explícita de despedilas se non accedían ás súas pretensións lascivas.
O presunto autor é un home 74 anos, con diversidade funcional física, que require atencións e coidados especiais, e que xa fora investigado o ano pasado e posto a disposición xudicial polos mesmos motivos.
Escribe o teu comentario