A investidura máis preto ao renunciar Iglesias a entrar no Goberno

O líder de Podemos dará un paso ao carón se non hai máis vetos a membros da súa formación e a presenza de Unidas Podemos no Consello de Ministros é proporcional.


|

O líder de Podemos, Pablo Iglesias, anunciou este venres que renuncia a formar parte dun Goberno de coalición liderado por Pedro Sánchez se non hai máis vetos a membros da súa formación e a presenza de Unidas Podemos no Consello de Ministros é proporcional.


"Non debo ser a escusa do PSOE para que non haxa un goberno de coalición de esquerdas. Estar ou non no Consello de Ministros non será un problema a condición de que non haxa máis vetos e a presenza de Unidas Podemos no Goberno sexa proporcional aos votos", escribiu Iglesias na súa conta de Twitter.

Ademais, difundiu nun vídeo no que detalla a súa disposición para botarse ao carón pero subliña que os nomes do seu partido no Executivo de coalición elixiraos, "loxicamente", a súa formación.


Tamén puntualiza que transmitiu esta posición a Pedro Sánchez e que encargou ao responsable do comité negociador de pactos, Pablo Echenique, que traslade ao PSOE a súa "vontade de negociar xa un goberno de coalición de esquerdas" e "un acordo integral", con programa e equipos, "para sacar adiante a investidura a semana que vén".


"España necesita xa un goberno de coalición de esquerdas que asuma que os dereitos sociais deben ser o eixo de goberno. O PSOE di que o único escollo que evita ese goberno son eu, estiven reflexionando estes días e non vou ser a escusa para que o PSOE evite ese goberno de coalición", sinalou Iglesias.


Este é o primeiro movemento do líder de Podemos despois de que Pedro Sánchez afirmase este xoves que está disposto a incorporar a Unidas Podemos nun executivo de coalición, sempre que nel non estea Pablo Iglesias.


Este venres, tanto a vicesecretaria xeral do PSOE, Adriana Lastra, como a portavoz do Goberno en funcións, Isabel Celaá, deixaron aberta a porta a que entren nese executivo outros membros da dirección de Unidas Podemos, como a portavoz parlamentaria, Irene Montero ou o dirixente Rafael Mayoral.


"PRIMEIRO PROGRAMA"


O presidente do Goberno en funcións, Pedro Sánchez, respondeu á mensaxe emitida por Pablo Iglesias esta tarde.


Sánchez considera que hai que "empezar a negociación polos contidos: primeiro programa e logo Goberno". "Sen vetos nin imposicións podemos chegar a un acordo", indican fontes socialistas. Así mesmo, resalta que escoitará as propostas e decidirá o equipo.



Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE