A viaxe pola vida de Andrea Camilleri foi un agasallo para todos os que cada verán esperamos impacientes as súas novelas, nas que revivía a figura de Salvo Montalbano e os seus compañeiros de peripecias, quen nos faga felices á maneira siciliana de falar e saborear o mundo mediterráneo.
Neste verán do seu adeus, tampouco nos fallou o mestre, que foi capaz de facer chegar ás librerías a 27ª entrega do seu admirado personaxe aínda que, os que saben das súas cousas, asegúrannos que non será a última, xa que no caixón da súa mesa de traballo gardou unha nova obra, a postremeira. De momento, O Cociñeiro de Alcyon é xa a novela máis vendida en Italia. Non esquezamos que Camilleri leva vendidos 35 millóns de exemplares, unha auténtica barbaridade, e iso que comezou a escribir con 53 anos cumpridos, un verdadeiro veterano. Ao final deixará un legado de 104 libros traducidos a 120 linguas e unha lexión infinita de admiradores e de admiradoras.
Recoñezo que o seu fervor por Manolo Montalbán, que deu nome ao famoso Comisario Montalbano, marcoume sempre e hame predisposto a reler a Camilleri con enorme adición. A dobraxe da serie por parte da televisión española foi moi bo, incluso superando a entoación siciliana, só perceptible no orixinal da RAI, que quedaba compensada pola calidade da interpretación falada dos actores españois de dobraxe que era e é excepcional.
Como Manuel Vázquez Montalbán, Camilleri era comunista e ateo, e como ao seu admirado amigo, tamén lle fallou o corazón, só que o italiano se morreu na súa casa romana, mentres que o catalán de orixe galega deixaríanos moito antes, pero na moi afastada Bangkok. Puro humor negro made in Galicia.
A tal hora, como bos sibaritas que eran e demostraban nas súas novelas, seguro que están a celebrar o reencontro nalgún tugurio de San Andrés de Teixido, mentres discuten sobre o novo autor ou autora que se van a buscar para que lles substitúa cada verán nos vindeiros capítulos de Salvo Montalbano, porque se non o fan a min e a moitos máis nos van deixar tristes e sós como Fonseca.
Camilleri e Vázquez Montalbán, que par de xenios!
Escribe o teu comentario