​Eu visto camisetas de moza

Rodrigo Brión Insua

Para desconsuelo da miña santa nai, que máis boa non pode ser a pobre, son un tolo coleccionista de camisetas de fútbol. Non vou entrar en cifras. Só direi, para que se fagan unha idea, que se mo propoño, podería estar todo o verán vestindo camisetas de fútbol sen repetir modelito nin un só día. Ata ese punto chega o meu fanatismo. O lado bo é que a miña familia e amigos xa saben que regalarme polos meus aniversarios. O outro punto positivo é que, a diferenza do resto de pezas de vestir, as camisetas de equipos deportivos nunca pasan de moda. É máis, mesmo se revalorizan. E se o noso articulista, policía nacional e amigo Roberto González está a ler estas liñas debe saber que todas e cada unha delas foron adquiridas de forma totalmente legal e por medios oficiais…e se pola contra o noso compañeiro do SUP non o le, fagamos o esforzo de obviar a existencia de webs que venden estas camisetas por un prezo accesible para o humano medio. 


Supoño que a cousa empezou en 6º de Primaria cando o meu pai regaloume unha camiseta da selección mexicana do Mundial 2006. Non só consérvoa, senón que inexplicablemente aínda me vale e ata diría que cada día quédame mellor. Moitas foron agasallos, outras herdadas, como a do Compos ou a de Italia do Mundial 2002, pero todas teñen a súa historia e significado.


A cousa é que entre os meus tesouros teño algunhas camisetas que gardo con mimo. Unha da selección Colombia asinada por Radamel Falcao, un segundo equipamento precioso do Tenerife co autógrafo de Nino, unha camiseta do Corinthians de Sócrates…E entre elas, unha da selección de Estados Unidos, pola que algunha vez preguntáronme polo estraño nome que loce no dorsal, onde encima do número 1 pon ‘SÓ’.


Cando explico que a camiseta é de Hope Só, exportera da selección estadounidense de fútbol e unha das mellores gardametas da historia do fútbol feminino (senón a mellor, sempre que obviemos á nosa pioneira Irene González), as miradas son de estrañeza e adoitan ir acompañadas do mesmo comentario: “Entón é unha camiseta de moza, non?”. Fútbol é fútbol e gol é gol, como ben explicou no seu día Boskov. Dá igual se se xoga rapado ou con coleta. A admiración por un deportista ou unha deportista vai máis aló do seu sexo. O estraño é que nos pareza estraño que un home non poida admirar a unha futbolista ao mesmo nivel que admiramos a Messi, Cristián e compañía.


Eu xa deixei de defender o fútbol feminino nese aspecto. Non porque non mereza defensa, senón porque non necesita de máis paladines como eu; elas deféndense soas a base de dribles, paradas e golazos. Están a demostralo neste Mundial de Francia, onde a nosa selección acábase de clasificar para a seguinte rolda por primeira vez na súa historia. O fútbol feminino ha empezado a superar ese debate e, aínda que quedan moitos pasos por dar, como lograr máis difusión e representación nos medios ou un mellor trato en canto a patrocinadores, a sociedade empeza a non facer distincións entre damas e cabaleiros nun campo de fútbol.


E o máis importante é que os máis pequenos tampouco. Este nadal moitos nenos e nenas achegáronse ao Miniestadi a pedir os autógrafos das xogadoras do Barça Feminino. O Barça, esa empresa á que se lle pode reprochar moitas cousas, pero que é exemplo e modelo a imitar na súa aposta polo fútbol feminino. Ou a historia viral do neno que pediu como agasallo de Reyes a camiseta da súa Betis, co nome do seu ídolo, Irene Guerrero, estampado ás costas. Os records de espectadores nas bancadas que vivimos esta tempada tamén son unha boa mostra diso, así como a aposta - POR FIN! - do Real Madrid polo fútbol feminino, despois de que o club branco anunciase a proximidade dun acordo para a absorción do CD Tacón.


Agora as pupilas de Jorge Vilda esperan a Estados Unidos na seguinte rolda. Este luns a camiseta de Hope Só estará ben gardada no armario, porque terei enfundada a da selección española. Unha camiseta que me regalaron (sorpresa) e que non está serigrafiada, pero que de haberma comprado eu non teñan dúbida de que luciría o 9 de Vero Boquete. É posible que á de Só acompáñena pronto a camiseta da selección de Noruega co 14 da admirable Hegerberg. Tampouco teño ningunha da selección alemá e Marozsán chama á miña porta. Por certo, os meus aniversarios cae todos os anos o 21 de xaneiro. Eu déixoo caer… 


Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Máis opinión
Opinadores

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE