Veciños do histórico narco Manuel Charlín denuncian coches queimados e unha agresión

O domingo xa protagonizara un enfrontamento con varios axentes da Policía Local de Vilanova.

|

O domingo xa protagonizara un enfrontamento con varios axentes da Policía Local de Vilanova.


Unha veciña de Vilanova de Arousa presentou unha denuncia nas oficinas da Policía Local da localidade por unha presunta agresión por parte de Manuel Charlín.


Manuel charlin tvg



Segundo o relato da denunciante, a última hora da tarde do luns Manuel Charlín, de 87 anos de idade, enfrontouse verbalmente a un grupo de veciños que residen no mesmo bloque de vivendas no que o patriarca do clan dos Charlines ten un piso da súa propiedade.


Segundo fontes da investigación non é a primeira vez que Manuel Charlín enfrontouse aos inquilinos deste edificio, pero nesta ocasión a disputa creceu en intensidade ata o punto en que os veciños solicitaron a presenza da Policía Local, que se presentou no edificio. Instantes despois tamén se desprazou ata o lugar unha dotación da Garda Civil.


Nun momento dado, segundo consta na denuncia, Manuel Charlín agrediu cun alicate a unha das veciñas provocándolle diversas feridas e contusións. A muller foi trasladada ao Hospital do Salnés onde foi atendida de feridas de prognóstico leve e posteriormente dada de alta.

A Policía Local de Vilanova trasladou a denuncia presentada pola veciña presuntamente agredida aos Xulgados de Cambados para a súa tramitación.


DENUNCIADO TAMÉN POLA POLICIA

Tan só un día antes, Manuel Charlín protagonizara un enfrontamento con varios axentes da Policía Local de Vilanova.


O patriarca dos Charlines aparcou o seu coche xusto na saída da ponte peonil que une o centro urbano de Vilanova coa península de O Terrón, obstaculizando o paso ás moitas persoas que por alí transitan, especialmente durante a fin de semana, xa que o tramo forma parte da Variante Espiritual do Camiño de Santiago.


Tras comprobar que o vehículo estaba mal estacionado, os axentes localizaron a Manuel Charlín nun bar próximo e comináronlle a que retirase o coche, ao que o patriarca fixo caso omiso.


Ante esa situación, a Policía Local solicitou a presenza dun guindastre ao obxecto de proceder á retirada do vehículo. Foi ao ver chegar o guindastre cando Manuel Charlín abandonou o bar e dirixiuse cara aos axentes proferindo todo tipo de insultos.


Ante a firmeza da Policía Local, que non lle permitiu que levase o vehículo, Charlín abonou finalmente o importe correspondente ao enganche do guindastre, recolleu a denuncia pola infracción de tráfico e esperou a que chegase unha persoa que levou o coche do lugar.

Ademais das denuncias polo mal estacionamento, os axentes da Policía Local de Vilanova elevaron tamén unha denuncia contra Manuel Charlín Gama por desobediencia á autoridade.


COCHES INDENCIADOS

Non foron estes dous os únicos incidentes nos que se viu envolvido o clan dos Charlines nos últimos días. Na madrugada do sábado 2 ao domingo 3 dous coches quedaron totalmente calcinados nunha rúa do centro urbano de Vilanova de Arousa, xusto diante dunha propiedade vinculada aos Charlines.


Dáse a circunstancia de que varios dos inquilinos dese edificio, entre os que se atopa o dono dun dos dous coches incendiados, presentaran con anterioridade denuncias contra os propietarios das súas vivendas por presuntas ameazas e cortes de servizos cos que tentaban provocar o seu desaloxo.


A investigación está a ser levada por axentes da Policía Xudicial de Cambados e especialistas en incendios, ao obxecto de determinar se o sinistro foi accidental ou provocado C.C.G.

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE