Eleccións europeas: Para que votamos?

Manoel Barbeitos
Economista

Pode resultar paradoxal que tanto os partidos políticos como a maioría dos medios de comunicación e opinión de Galicia lle reserven un lugar de cola as eleccións europeas –por detrás das eleccións xerais, autonómicas e locais- . Digo paradoxal pois, fronte ao que poida parecer, tales eleccións son tan decisivas como as demais. Son decisivas por que teñen lugar nun momento moi preocupante para Europa ao celebrarse nun contexto de inquietante e aparentemente imparable auxe da extrema dereita. Un auxe que resucita vellos e terribles pantasmas. Son decisivas estas eleccións por que se celebran nunha fase en que as desigualdades sociais e territoriais non paran de medrar acadando a exclusión social e a pobreza uns niveis descoñecidos na curta historia da Unión Europea.


Razóns todas para que tanto as elites políticas como os medios de comunicación e opinión lle prestaran a atención que resulta menester. Unha atención necesaria por que nas derradeiras décadas e baixo o liderado alemán os estados europeos veñen facendo unha suicida cesión de soberanía a prol dunha troica (Consello Europeo, Comisión Europea, Banco Central Europeo) que escapa ao control cidadán pero que é a principal responsable dos males anteriormente citados. Unha troica que precisa ser controlada por un Parlamento Europeo no que as forzas de progreso sexan maioría suficiente para reverter tanto as políticas austericidas que provocan as citadas desigualdades como o crecente rexeite que entre grupos cada mais amplos de cidadáns europeos ten a actual Unión Europea tal e como está funcionando por que está na base do auxe das forzas xenófobas e antidemocráticas.


Poucos cidadáns europeos están debidamente informados de que, hoxe por hoxe. por mor da aprobación dunha serie de tratados impostos por Alamana os gobernos e os parlamentos estatais (onde ten que residir a soberanía popular) deixaron de ser soberanos sobre aspectos relevantes e decisivos na gobernación política que afecta directamente a súas vidas. Moitos cidadáns europeos non saben que, por caso, os orzamentos públicos aprobados nun parlamento nacional poden ser rexeitados en Bruxelas ou en Frankfurt e, xa que logo, non se apliquen tal e como se aprobaron senón que teñan que ser modificados na dirección que a troica lle esixa. Unha situación que se fixo real por mor da citada cesión de soberanía dos estados europeos a prol de institucións europeas de moi dubidosa natureza democrática.


Así poida que axiña teñamos que asistir ao bochornoso espectáculo de ver como moitas das promesas feitas por Pedro Sánchez (PSOE) son rexeitadas polas autoridades europeas a pesar de contar co apoio popular que veñen de reflectir as recentes eleccións xerais. De ver que no caso de que o goberno español refugue dos mandatos europeos as autoridades citadas ameacen con tomar represalias como, no seu día, lle sucedeu a Grecia. Mandatos que camiñan sempre na dirección de impoñerlle aos estados europeos, en contra da maioritaria opinión popular, duras políticas de axuste fiscal, rebaixa salarial e liberalización comercial.


Antes de ir a votar os cidadáns galegos deberían saber que España, xunto aos demais estados europeos, asinou os tratados que a continuación sinalo e que están na base desta suicida perda de soberanía. Tratados que os estados europeos se comprometeron a obedecer independentemente do color político do goberno de torno. Neste marco parece normal que cada vez sexamos mais os cidadáns europeos que nos preguntemos: para que votamos senón podemos mudar eses tratados?.


Dende a sinatura do Tratado de Máastrich (1992) no que para toda a UEM (Unión Económica e Monetaria) se empezaron a fixar, en clave neoliberal, uns obxectivos comúns (estabilidade de prezos, axuste fiscal, liberalización comercial) os estados europeos foron aprobando, un tras outro, unha serie de tratados que consolidaron eses obxectivos cuxo cumprimento polos estados asinantes será supervisado pola citada troica comunitaria (Consello Europeo, Comisión Europea, Banco Central Europeo).


Aprobación (2010) do Mecanismo Europeo de Estabilidade (MEDE) e creación do Fondo Europeo de Estabilidade Financeira (FEEF), que introducen o rescate daqueles estados con problemas financeiros: rescate que obriga a estado intervido a que sitúe os problemas de déficit e débeda públicos por riba dos demais problemas macroeconómicos como pode selo emprego. Aprobación do chamado Plan de Competitividade (2011) que fixou políticas comúns en materia de salarios e pensións: rebaixa salarial e axuste das pensións públicas. Tratados estes que abriron a porta tanto a chamada “regra de ouro” (2011) do déficit -limitación do mesmo ata un máximo do 0,5% do PIB- como o Tratado de Estabilidade, Coordinación e Gobérnana (TECG) -2012- polo que os estados asinantes do mesmo introducían nas súas Constitucións a obriga de manter uns orzamentos equilibrados ou con superávit.


Tratados que, resumindo supoñen: 1. Que os estados europeos cederon soberanía política a prol da citada troica (Consello Europeo, Comisión Europea, Banco Central Europeo) en materias de política económica tan relevantes como a política fiscal, monetaria, laboral e comercial. 2. Que austeridade fiscal, estabilidade de prezos, rebaixa salarial e liberdade comercial pasan a ser principios de obrigado cumprimento para tódolos estados asinantes dos tratados citados independentemente de cal sexa a fase do ciclo económico no que se atopen 3. Que o control do déficit pasa a ser un obxectivo prioritario por riba de calquera outro e sexa cal sexa a situación de cada estado.


As consecuencias a nivel europeo están a vista: 1. Enorme deterioro da democracia –a vontade das autoridades comunitarias está por riba dos gobernos e parlamentos estatais-, 2. Se disparan as desigualdades sociais e os desequilibrios territoriais con un crecemento exponencial da pobreza e a exclusión social, 3. As débedas públicas se fan impagables, 4. Grave crise social e política tal que alimenta un crecemento espectacular dos partidos xenófobos e fascistas, e 5. Europa perde protagonismo a nivel internacional a prol dos Estados Unidos, China e Rusia.


Velaí a importancia dunhas eleccións europeas que, nembargante, están pasando practicamente desapercibidas pola maioría da cidadanía galega.


2317126













Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Máis opinión
Opinadores

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE