​Mauro Silva non presidirá o Deportivo

|

Un dos emblemas do deportivismo, tentado por un grupo de empresarios a tomar as rendas do club, declina a oferta.


Mauro silva


Moitos afeccionados branquiazuis espertáronse hai uns días co Super Depor na cabeza. E é que a idea de que Mauro Silva, un dos mellores xogadores que xamais vestise a elástica deportivista, puidese presidir o palco de Riazor ilusionou a máis dun. Un grupo de empresarios, presumiblemente liderados por Ignacio Rivera, Conselleiro Delegado de ‘Hijos de Rivera S.A.’ -empresa que comercializa a cervexa ‘Estrela Galicia’ entre outras marcas-, escondíase detrás da proposta para que Mauro Silva presidise o club. Un ofrecemento que o exjugador declinou.


UN HOME DE PALABRA

O brasileiro alega, nun comunicado publicado nas súas redes sociais, que os seus compromisos institucionais impediríanlle poder dedicarse á presidencia do club. “Non podería atender sen faltar ao meu compromiso coa Federación Paulista de Fútbol, así como coa Secretaría de Deportes do Estado de Sao Paulo ou o Plenario da Autoridade Publica do Fútbol do Ministerio de Deportes de Brasil, entidades das que tamén son membro actualmente”, declara.


Como durante a súa etapa na Coruña, o aínda ídolo carioca afirma que “nunca atendeu a propostas de cubes con maior potencial económico” durante a súa etapa no Deportivo, pero que agora ten un compromiso “con case 100 clubs paulistas” que debe cumprir ata 2022. “Esa mesma responsabilidade e o compromiso coa palabra dada deben guiar agora a miña decisión”, sentenza Mauro Silva.


PLAN B?

Agora, Rivera e o seu equipo deben pensar noutra persoa para que lidere o seu proxecto no Depor. Un proxecto que, de saír adiante, contaría con moitas papeletas para ser o que terminase chegando á Praza de Pontevedra ao contar cun importante apoio en canto ás accións.


Cabe destacar que o Conselleiro Delegado xa é desde fai máis dun ano o máximo accionista do Racing de Ferrol, equipo que agora aspira a regresar á división de bronce do fútbol español, a través da empresa Elite. Do mesmo xeito, a empresa Hijos de Rivera tamén posúe o máximo accionariado do Depor, aínda que sen ser accionistas maioritarios, tal e como sinalou Tino Fernández na anterior Xunta de Accionistas. O que é seguro é que, se sae adiante o plan de Ignacio Rivera, o próximo ascenso do Depor regarase con cervexa. 

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




Non está permitido verter comentarios contrarios á lei. Nos reservamos o dereito a eliminar os comentarios que consideremos fora de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal Cookies Consello editorial Publicidade
Powered by Bigpress