Sen candidatura común das mareas, Compostela Aberta non participará nas eleccións xerais
"Queremos para Galicia o que temos na nosa cidade, que é un espazo onde o conxunto da Unidade Popular pode participar", di Noriega
"Queremos para Galicia o que temos na nosa cidade, que é un espazo onde o conxunto da Unidade Popular pode participar", di Noriega
O alcalde de Santiago de Compostela, Martiño Noriega, fixo un "chamamento á unidade do conxunto do espazo de Unidade Popular a nivel galego" pero sinalou que, en caso de non darse ese acordo, Compostela Aberta, como organización, "manterase á marxe" do proceso das eleccións xerais do 28 de abril e deixará libertar aos seus integrantes "para participar onde alí consideren".
Así o sinalou este luns Noriega en rolda de prensa, onde explicou que Compostela Aberta está "á marxe do debate e da situación que se está dando a nivel galego", en referencia ás negociacións entre Podemos, Esquerda Unida e Anova coa En Marea de Luís Villares para concorrer xuntos ás eleccións.
ARGUMENTOS
"Compostela Aberta tentou no seu momento intermediar, pero foi mal interpretado ou non se entendeu, polo que o que decidimos é coidar o espazo local. Queremos para Galicia o que temos na nosa cidade, que é un espazo onde o conxunto da Unidade Popular pode participar", subliñou.
Neste sentido, Noriega reiterou que Compostela Aberta "tense que centrar nas municipais" e ten que "blindar o espazo de unidade" xa que é "o seu maior potencial".
Escribe o teu comentario