Cando os hooligans son os pais
A actitude dos pais e as nais nos campos de futbol galegos pon en alerta ás institucións de fútbol do país.
A actitude dos pais e as nais nos campos de futbol galegos pon en alerta ás institucións de fútbol do país.
Ata que punto de tolemia chegou o fútbol cando un partido de prebejamines entre AJ Lérez e á EFB Moañesa ten que ser suspendido por altercados na bancada? Eses nenos e nenas tentan gozar do futbol e non superan os 8 anos de idade, pero algúns pais cren que o seu fillo xoga na liga de Campións e compórtanse como auténticos hooligans. A escena vivida no campo de fútbol da Xunqueira non é algo extraordinario, xa que todas as fins de semana ocorren feitos similares nos campos de España.
Isto puxo en alerta á Real Federación Galega de Fútbol, que decidiu tomar cartas no asunto e celebrará a primeira reunión deste novo mandato do Comité Galego de Fútbol Basee. Nela tratarase en primeiro lugar a violencia nos partidos de fútbol basee, fixando o foco nos pais e nais e na actitude destes. A Federación xa comunicou que “condena todo tipo de violencia, física ou verbal, que se produce nun campo de fútbol".
A ACTA
A Federación condena “os últimos e lamentables acontecementos” e traballa para acoutalos canto antes, aínda que este é un problema cultural que vai máis aló dos terreos de xogo. Se non, é imposible explicar a acta de Vázquez Castro, cadrelo nese encontro, que no minuto 20 de partido e cun luminoso de 3-0 apuntou que “afeccionados de ambos os equipos, na súa case totalidade nais e pais dos xogadores, enceréllanse nunha discusión que vai subindo de ton ata o punto de converterse nunha pelexa, tendo que intervir as forzas da orde".
A decisión do colexiado de parar o encontro estivo motivada por “a gravidade dos feitos e a curta idade dos xogadores", apoiada á súa vez pola conformidade dos dous delegados. Ademais, a propia Federación deu ferramentas aos árbitros para tomar este tipo de decisións. Hai dous anos, o Comité de Fútbol Basee, aprobou a medida pola cal o árbitro pode suspender un partido “en caso de producirse algún tipo de violencia desde a bancada, mesmo se esta fose verbal, con insultos ao propio árbitro, a adestradores ou xogadores”.
Nesta ocasión, o balbordo na bancada chegou a tal punto que tiveron que intervir axentes da Policía Local e polo menos unha persoa foi ferida, aínda que as agresións tiveron a varios protagonistas nun partido no que, os únicos protagonistas son os máis pequenos. Nenos e nenas, lembramos, que non superan os 8 anos. Temos moito que aprender deles.
Escribe o teu comentario