Tempos duros para a atención primaria

Flora Miranda Pena

Vivimos tempos duros para a Atención Primaria. Mais tamén nos atopamos ante unha importante fiestra de oportunidade para o nivel asistencial que debe exercer a centralidade do sistema sanitario. Mágoa que falte vontade política.


Nos últimos días, varios fitos o demostran: a dimisión das xefas e xefes de servizo de Vigo, o seu liderazgo sen tutelas nunha manifestación multitudinaria, o gran apoio da cidadanía (que unha vez máis demostrou altura e compromiso) , a organización do persoal dos PACs en pé de guerra reivindicando dignidade, a emotiva e valente comparecencia no Parlamento de Pilar Rodríguez e Eduardo Díaz (enfermeira e médico de PAC) nunha comisión co consenso da oposición, a aprobación en varias cidades galegas do apoio en Pleno á súa reivindicación e o posicionamento de referentes da AP, como o Xefe de Servizo da Estrada, nunha valente e exhaustiva exposición das eivas, necesidades e propostas de mellora da Primaria na comisión oficial dos recortes do Parlamento, entre outras.


Ante iso, A Consellería de Sanidade ofrece a constitución de seis grupos de traballo nos que o propio xerente do SERGAS xustifica a non inclusión dos dimisionarios de Vigo porque “queren contar con xente que asuma as súas responsabilidades en tempos difíciles”. Unha lectura interesada do compromiso que ilustra a vontade real: desmobilizar.


Compromiso coa sanidade pública é pensar na xente enferma antes que nada. E na dignidade das súas profesionais, auténtico valor intrínseco do sistema. Están demostrando que non só sosteñen a asistencia co seu esforzo denodado, senón que teñen capacidade para identificar graves eivas e esixiren -responsablemente- solucións. Sobre todo para prestar unha atención de calidade.


Esas solucións deben pasar por empoderar a primaria, dignificar o traballo das súas profesionais, incrementar o seu orzamento (actualmente nun pírrico 12.6%), vertebrar o sistema en torno a ela, dotala de estruturas de xestión propias (actualmente diluídas nas Xerencias de Xestión Integrada), fomentar un sistema de traballo conxunto co nivel hospitalario en igualdade de condicións, reducir a fragmentación, incrementar a autonomía das súas profesionais no acceso a probas, reducir o seu estrés e frustración, reivindicar a súa motivación como un “plus” de calidade asistencial, considerar a súa opinión nos protocolos, rebaixar a sobrecarga de traballo, combater a precariedade, considerar a atención domiciliaria (paliativos incluídos) como un valor intrínseco da primaria que precisa recursos (tempo, profesionais), integrar a cuestión sociosanitaria nun contexto de avellentamento e devalo demográfico, considerar a cronicidade como un problema real que incrementa a complexidade da atención, retribuír a disponibilidade das profesionais para evitar descubertos na atención (PAC da Estrada), compensar o compromiso coa docencia e a formación, amosar sensibilidade cos dereitos das traballadoras, cultivar políticas de bo trato, fomentar a autonomía das persoas mediante a educación e promoción da saúde, frear o asistencialismo desmedido (abocado á insostenibilidade), exercer a valentía, reducir a sobreintervención diagnóstica e terapéutica, traballar a comunicación, defender a autonomía das persoas na toma de decisións, evitar a obstinación terapéutica e recobrar o sentido común na aspiración dunha “vida vivible”.


Defendamos a primaria. Só así conseguiremos unha atención ás persoas humana, cercana, resolutiva, empática, con equidade e xustiza na distribución de recursos, social, con capacidade para loitar contra a soedade, a exclusión e a vulnerabilidade, accesible e comunitaria.


Unha atención que sustente unha vida vivible, mais tamén unha morte digna. Acompañando o sufrimento, manexando a cronicidade e propiciando a recuperación cando sexa posible. Preferiblemente no entorno onde viven as persoas

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Máis opinión
Opinadores

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE