​“A zona vella de Santiago está convertida no monocultivo do souvenir”

Galiciapress entrevista á candidata do BNG á alcaldía de Santiago. Goretti San Martín, tamén vicepresidenta da Deputación da Coruña, acusa a Compostela Aberta de ser incapaz de abordar problemas de fondo como o modelo turístico. Fronte a la improvisación que percibe, enarbora a experiencia e a unidade do Bloque. A crise de En Marea, el festival O Son do Camiño ou as remunicipalizacións son outros dos temas desta conversa.


|

Galiciapress entrevista á candidata do BNG á alcaldía de Santiago. Goretti San Martín, tamén vicepresidenta da Deputación da Coruña, acusa a Compostela Aberta de ser incapaz de abordar problemas de fondo como o modelo turístico. Fronte a la improvisación que percibe, enarbora a experiencia e a unidade do Bloque. A crise de En Marea, el festival O Son do Camiño ou as remunicipalizacións son outros dos temas desta conversa.



Goretti san martin


O Concello tivo unha reunión co Ministerio pola depuradora de Silvouta. O alcalde insiste en que o proxecto está encamiñado, o PP que as axudas da UE están en perigo. ¿Que di o Bloque?

Mirámolo con moitísima preocupación. Compostela Aberta fixo unha moi mala xestión deste tema. Estivo dous anos cunha posición e hai un ano comeza a cambiar. Cambia despois de dous anos perdidos e sen tempo case para manobrar. Están en perigo os fondos europeos. Hai unha alternativa que nos gusta máis, pero tiñan que ter comezado a traballar nela. Onde está o informe que di que vale un informe ambiental abreviado e que en 2023 poidamos ter os fondos?


Non temos nin a seguranza de que ao Ministerio lle vale esta tecnoloxía, non temos ningún convenio para asinar e as propostas que veñen de Madrid seguen marcando as mesas porcentaxes que o convenio anterior. Ao Concello tocarialle pagar o 20%, parécenos un agravio con outras cidades, onde o máximo que se pagou foi un 5%.


Si, pero máis alá da crítica, que propón o Bloque para solventar este problema?

A depuradora hai que facela canto antes e non perder os fondos europeos. Válenos ampliar a Silvouta pero non podemos estar perdendo o tempo. Hai que ter un convenio para asinar. Hai que tamén refacer a negociación coas outras administracións. Hai un problema de falta de liderado. Non sei cantas reunións leva o alcalde en Madrid saíndo e dicindo que está satisfeito, e logo os feitos negan esa satisfacción. Necesitamos un convenio para asinar inmediatamente e logo que vai nos orzamentos no Estado, na Xunta e no Concello. A nosa alternativa é estar arriba das cousas e non deixar que pase o tempo.


Fala dos orzamentos, a estratexia do BNG nesta lexislatura en Santiago foi negociar -e apoiar- as contas pero non entrar no Goberno. O alcalde reprochoulles varias veces isto …

Non é certo que non entrar no goberno fose a nosa estratexia. Non houbo ningún intento serio de Compostela Aberta de que nós entrásemos no goberno. Ti non podes entrar nun sitio no que din que teñen que consultar se queren que entremos ou non. Non houbo un ofrecemento serio, formal, de feito o alcalde nunca falou con nós diso, houbo negociacións con outros membros do goberno nas que se dixo que eles tiñan que consultar.


Pero aínda así apoiaron os orzamentos …

É un tema distinto. Nós dixemos que iamos facer o mellor para os veciños. Entendemos que é mellor que haxa orzamentos que que nos haxa, que se poidan facer orzamentos. Conforme pasa o tempo Compostela Aberta perde credibilidade. Se no primeiro ano dicimos que imos apoiar estes orzamentos a cambio de que se fagan algunhas cousas boas para a cidade … Que sucedeu? Algunhas cousas fixéronse e outras non. No segundo ano, xa tiñamos dúbidas, e de feito abstivéronos. Logrouse duplicar as bolsas de comedor, facer o banquete de Conxo, a pista de skate … Pero non se fixo o aparcamento no campus sur, o globo da piscina de Sar ou un tema fundamental a inspección das empresas concesionarias.


Ao respecto a postura do BNG é apoiar a remunicipalización. Con todo, están sendo moi críticos coa remunicipalización da ORA.

Da ORA fíxose e apoiámola.


Xa, pero están a criticar o resultado.

Apoiámola a preferimos ao sistema antigo e estaban en perigo postos de traballo, pero non era o noso modelo. Nos pedimos un modelo de rotación de vehículos sen pagamento, como fan outras cidades, ou polo menos un estudo. Fixemos unha campaña para que a ORA fose de balde. Preferimos a xestión directa, pero entendemos que iso non lle fixo ningún beneficio a poboación. O problema é facer as cousas se fagan ven. Votamos a favor incluso habendo reparos da intervención. O noso compromiso coa remunicipalización ningún o pode ter en dúbida.


Di que “non lle trouxo ningún beneficio a poboación” a remunicipalización da ORA. E visto o que está a pasar noutros concellos, traería algún beneficio cambiar a xestión da auga ou tamén só suporía máis gasto …

Podería traer beneficios se se fan as cousas ben. Entendemos que a xestión directa podería ser positiva pero hai que estudalo ben, hai que ter informes técnicos que o avalen e ter un informe de viabilidade económica. E sobre todo, hai que falar sobre o persoal traballador, que leva anos alí contratado. Máis doado que remunicipalizar a auga é ir a outro servizo como a escola de música, que xa foi municipal. Só habería que abordar a cuestión do persoal traballador. É un servizo pequeno. Por que non se empezou con iso en vez de montar este problema que a ver como acaba? Está nos xulgados e a ver como acaba o da escola de música.


Falando sobre o modelo de cidade, os santiagueses debaten a miúdo sobre o número de turistas. A zona vella no verán está repleta de visitantes e a vida local no casco histórico é cada vez menor. Só abren bares e pequenos hoteis. Neste debate, que é moi complexo, cal é a postura do BNG?

Efectivamente, é moi complexo. A cidade histórica témola convertida no monocultivo do souvenir. Hai que facer moitas cousas para conseguir fixar poboación.


Por exemplo?

Protexer os comercios emblemáticos, intentar recuperar lugares como a Sala Yago, axilizar licenzas para que se poidan instalar todo tipo de comercios … Hai un problema para fixar poboación, conseguir que haxa servizos. Moita xente marchou polo problema dos ascensores, dos supermercados, dos centros de día, dos comercios, da fibra óptica … Ese é un factor importante que expulsou á xente da zona vella, aínda que o turismo tamén incida.


Que modelo de turismo defenden para Santiago logo?

Non cremos en incidir nun turismo cuantitativo. Iso é un erro que tamén comete este goberno. A cuestión é que tipo de turismo ven. Apostamos por un turismo de calidade, que durma en Santiago e que queira coñecer o Concello no seu conxunto. Un turismo que non sexa que paren en Xoán 23 e dean dúas voltas. Para iso cómpre que se coñeza a Colexiata de Sar, o Castelo da Rocha, que a xente vaia aos barrios … O modelo non pode ser ir a un Xacobeo 2021 que queira gastar todo en espectáculos nun día, que non deixe pouso na cidade e non aposte por promocionar artistas locais. Preocúpanos que todo vai ser para o Xacobeo 21 e agora non hai nada para promocionar os creadores de Santiago. Xa sabemos o que fixo a Xunta, nun fin de semana gastou tres millóns de euros sen importarlle o máis mínimo.


Refírese ao festival o Son do Camiño?

Si.


Pero as cifras de asistencia ao festival foron boas …

Xa, pero son cifras de asistencia dunha fin de semana. A nós o criterio cuantitativo non nos vale, non é o único. E hai que intentar que vaian tamén grupos locais e grupos do pais. Hai esa idea de que as estrelas son as de fóra, fronte aos da casa.


Relacionado con isto, o Xacobeo, onte o conselleiro de Cultura negaba o que di informe de ICOMOS, de que a mina sepultará parte do Camiño de Santiago Histórico. Como pode afectar a mina ao Concello de Santiago?

Eu son optimista de que non se vai aprobar, porque os informes son moi contundentes e porque hai unha oposición veciñas e social fortísima. É absolutamente extravagante que un conselleiro diga que non afecta cando está ao lado. Quen quere facer o Camiño para ver unha mina? Dende o punto de vista de seguridade e estética. É unha irresponsabilidade.


Falemos de política. Hai semanas que non se fala doutra cousas que da crise de En Marea. Parécese a crise que viviu o Bloque cando as escisións? Como vai afectar ás opcións electorais de Compostela Aberta?

Os tempos en política non se repiten. Estamos noutro intre. O BNG está moi unido e sólido; mirando para adiante. Non somos partidarios de meternos nos conflitos internos doutras forzas. Desexo que o resolvan ben.


Pero é evidente que o BNG e Compostela Aberta compiten polo mesmo espazo electoral. Que lle pode ofrecer o Bloque a ese tipo de elector que non lle dera Compostela Aberta?

Dende o punto de vista de fondo, o BNG é un proxecto nacionalista e nacional. Ten un proxecto que se basea no orgullo do noso e en poder en superar a dependencia. Por exemplo, eu creo que unha das claves na recuperación de Pontevedra é sacar ese orgullo.


E a nivel práctico?

Visto o visto nestes anos, creo que hai unha grande decepción polo que fixo e como xestionou Compostela Aberta. Parecía que ía mudar todo e non mudou nada. Están facendo as obras que fixo o PP. En materia fiscal, en vez de que paguen menos os que menos teñen, seguen coa política fiscal do PP. Logo hai unha pésima xestión do día a día. Nós podemos achegar colectivo, equipo e capacidade de xestión. Aquí hai moi pouca comunicación entre as concellerías, vaise a salto de mata. Non dan sacado adiante cousas que son pequenas. O BNG ten demostrado esta capacidade de traballo e de xestión noutras e nesta corporación e ademais Compostela Aberta xa tivo a súa oportunidade …


Outro que xa tivo a súa oportunidade foi o ex-alcalde Bugallo. Como valorades que se volva presentar?

Cada forza as persoas que son mellores. Nós respetamos a decisión do PSOE pero, insisto, ningún intre político se repite, polo que Bugallo terá que explicar que quere facer agora; e eu non sei aínda cal é o seu proxecto. Nós temos claros que hai que deseñar o proxecto de Santiago para os próximos dez anos.

Vostede tamén é vicepresidenta da Deputación da Coruña. Hai nada entrevistamos ao presidente, do PSOE, e foi todo aplausos a súa labor. Parece que ao final non se produciu o que temían tantos, os conflitos que lastraron o bipartito …


O certo é que chegamos ao final sen ningunha discusión, porque fixamos un programa claro ao principio e temos reunións semanais nas que se deciden as cuestións, onde non hai acordo pois quedan aparcadas ou buscas o modo de solventalas. Na Deputación movéronse moitas cousas e revolucionouse todo, eliminando as subvencións nominativas. Fixemos un traballo magnífico, estou moi orgullosa tanto da parte do BNG como das áreas do PSOE. Para que as cousas funcionen ben hai que adicarlle tempo para saber o que queres facer. Aínda que somos forzas políticas diferentes e temos posturas diferentes en moitas mocións.


E a que lle dedicará o tempo Goretti San Martín na próxima lexislatura? Ao Concello de Santiago ou á Deputación da Coruña?

Os tempos en política son importantes e agora é o tempo do que fale a xente. Agora ben, os meus esforzos na actualidade van ir volcados en poder chegar a toda a poboación de Santiago e demostrar que temos un proxecto a medio prazo e equipo. 

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE