'Morrer para contar', a primeira película da galega Nerea Barros como produtora aborda o xornalismo de guerra

A película dirixida por Hernán Zin poderase ver nos Cinemas Compostela no marco de Cineuropa este 22 de novembro

|

Nerea Barros e Hernán Zin, na presentación de 'Morrer para contar'

A película dirixida por Hernán Zin poderase ver nos Cinemas Compostela no marco de Cineuropa este 22 de novembro

'Morrer para contar', a nova produción cinematográca de Hernán Zin e a estrea como produtora da galega Nerea Barros, mostra a "dura" realidade do xornalismo de guerra e dos seus profesionais, nunha defensa do seu traballo como "compromiso ético" e como sostén da democracia e da liberdade.

A película, baseada nos testemuños e experiencias de máis dunha quincena de reporteiros de guerra, chegará este xoves ao festival Cineuropa en Santiago de Compostela e en xaneiro aos cinemas galegos.

A través das experiencias acumuladas en escenarios de guerra nos últimos 30 anos, supón "unha viaxe que non che solta", "duro" e de "dixestión lenta, que che levas para casa" pero que permite achegar "moita luz" á realidade actual.

Así o explicou este mércores na presentación en Santiago a produtora e actriz gañadora dun Goya, Nerea Barros, que relatou como 'Morrer para contar' xurdiu dun "incidente". O que sufriu o director do filme cando en 2012 atopábase traballando no interior dun tanque en Afganistán e, despois de 22 anos de guerra, pensou "que sentía morrer" e sufriu, durante anos, pánico a espazos pechados.

A partir de aí, as experiencias psicolóxicas e persoais dos reporteiros de guerra reflíctense "nunha película de acción con xente de acción" pero que supón, sobre todo, unha homenaxe ao xornalismo e a reporteiros de guerra como Gervasio Sánchez, Javier Espinosa, Mónica García ou David Beirain, pero tamén a aqueles que deron a súa vida traballando, como Julio Fontes, Miguel Gil ou Couso.

A colaboración de Nerea Barros con Hernán Zin xurdiu nun festival no que se atopaban como xurado. A actriz galega "viu clarísimo a nivel narrativo" e "entusiasmouse" co proxecto, como "apaixonada da arte" que é, asegurou o director. Até o punto de que "a película creceu moitísimo grazas a Nerea".

De feito, a súa intervención foi decisiva para que o propio director relate as súas experiencias en primeira persoa, algo ao que se mostrou remiso inicialmente. Tras unha entrevista de "once da noite a cinco da mañá", realizada persoalmente por Barros, a súa voz introduciuse en off ao longo da película.

"CONTAR A HISTORIA PARA SOLUCIONALA"
'Morrer para contar' recoñece aos profesionais que tratar de "mostrar a importancia dos que están aí contando a historia en zona de conflito, de catástrofe, en zona de pobreza", porque "se non botan luces sobre dereitos humanos, sobre os abusos que se seguen sufrindo, a escravitude, a violencia, o xenocidio, se ninguén dá luz, como solucionamos as cousas", reflexiona Hernán Zin.

Pero non só se trata dun relato sobre a profesión, senón tamén sobre os cambios que se produciron no xornalismo de guerra nos últimos anos, cuns medios de comunicación que Zin describe marcados pola súa apertura a redes sociais, a novas tecnoloxías, mesmo ás 'fake news', en consonancia coa 'disrupción' dos teléfonos móbiles na sociedade.

E en paralelo a estes cambios, tamén evolucionaron, e deterioráronse, as condicións económicas e laborais dos xornalistas. Na actualidade, denunciaron, na maioría dos casos trátase de 'freelance', que asumen un gasto de 5.000 ou 6.000 euros para desprazarse a un espazo en guerra cando por reportaxe poden recibir 400 euros.

"A xente cre que estes reporteiros se xogan a vida pero cobrando ben, pero o xornalismo, non só o reporterismo de guerra, é imprescindible, e agora cada vez son máis freelance, e cada vez é máis difícil traballar, eu pido abertamente que isto cambie porque é un traballo imprescindible", proclamou Nerea Barros.

Pero aínda así "é un oficio que amamos, que no meu caso deulle sentido á vida", é un "compromiso coas vítimas" e permite ser "testemuña da historia", revelou Hernán Zin. "O feito de estar coa xente é moi gratificante, a xente agradécecho", e "iso o xustifica todo".

Iso si, o director insiste en aclarar que en ningún momento poderase ver o "cliché" de xornalista de guerra duro, de acción, que case escapa das balas.

"É un oficio mal pago que non ten nada de glamour", afirma, que "adoita ser moi aburrido", non ten ese "elemento épico". Como exemplo, relata que a "veces as guerras son no verán e ti vaste coa túa mochila e o teu chaleco mentres o resto vanse de vacacións á praia".

Un oficio de "compromiso" e tamién de mulleres, concluíu Nerea Barros, a pesar de que as reporteiras lamenten que sempre se lles pregunten como conseguen realizar o seu traballo sendo mulleres en zonas de conflito.

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE