O ‘Virus FIFA’ deixa ao Celta tocado

Os celestes mediranse o venres ao Arabés en Balaidos, con varias dúbidas no once e a máis que posible baixa de Mai Gómez.


|

Os celestes mediranse o venres ao Arabés en Balaidos, con varias dúbidas no once e a máis que posible baixa de Maxi Gomez.



Maxi gomez uruguay seleccion

Maxi Gómez coa camiseta de Uruguai / Foto: RC Celta


Se a xornada de seleccións é unha arma de dobre fío no Celta de Vigo: primeiro é motivo de orgullo en Balaidos polo alto número de xogadores celestes chamados a filas co seu país; logo é un autentico crebacabezas para o corpo técnico polo número de minutos e o cansazo de viaxes á outra punta do mundo que acumulan os internacionais. Para máis inri, o parte de baixa deixa un equipo en cadros para medirse o venres ao Arabés, no partido que abrirá a xornada ligueira.


Ao longo do día iranse reincorporando á actividade olívica os internacionais. Iago Aspas volve despois de ser importante con España, aínda que acumulou 74 minutos repartidos entre os dous partidos, polo que apunta a ser a gran referencia ante o equipo de Abelardo. O que se o xogou todo foi Sisto, con 180 minutos ás súas costas, despois de xogar con Dinamarca ante Irlanda e Austria. Menos satisfactoria foi a xornada para Lobotka, que unha vez máis evidenciou que algo lle pasa ao eslovaco. Despois de caer ante a República Checa e xogar os 90 minutos, onte foi substituído no minuto 55, quedando sinalado polo seu seleccionador, Jan Kozac, que deixa o combinado nacional despois de non ser capaz de endereitar o rumbo. Tampouco lle foron moito mellor as cousas a Okay Yokulu, que empatou con Turquía ante Bosnia e caeu por 2-0 en Rusia xogándoo todo. O centrocampista otomán, do que se esperan grandes cousas, segue sen dar a súa mellor versión.


Lonxe de Europa o Celta enviou a Júnior Alonso, Araujo e Maxi Gómez. Preocupa a situación deste último, xa que a súa presenza con Uruguai foi testemuñal na viaxe da selección charrúa a Asia. Contra Corea só xogou 29 minutos e contra Xapón foi cambiado ao pouco de entrar por unha lesión. Aínda se descoñece o alcance da mesma, pero é moi improbable que poida xogar o venres, polo que o seu concurso, cando era o xogador con máis minutos do equipo, queda practicamente descartado. Pola súa banda, os defensas viaxaron alén do charco. O azteca só xogou ante Chile e o paraguaio non tiña compromisos, senón que participou nunha concentración organizada por Osorio, o novo técnico, para coñecer mellor aos seus pupilos.


Pola contra, os vitorianos visitarán Vigo coas pernas menos cargadas, aínda que tamén hai xogadores que veñen de representar aos seus países. Maripán vén de xogar con Chile ante Perú e Mexico, xogando todos os minutos con ‘A Vermella’. Guidetti, que regresa á que foi a súa casa, vén de juga 90 minutos e facerlle gol á Eslovaquia de Lobotka. Tamén xogou 20 minutos contra Rusia. O caso paradigmático é o de Wakaso, convocado con Ghana pero sen disputar un só partido porque os encontros da súa selección ante Serra Leona terminaron aprazados.


Ademais, o gardameta Antonio Sivera viaxou coa sub21 española, aínda que viu os partidos contra Albania e Islandia desde o banco. Con todo, o cérbero pode ser a gran novidade no once babazorro se os médicos non dan o visto e prace ao tocado Pacheco antes do venres. Doutra banda, Martín Aguirregabiria, Manu García e Ibai Gómez foron convocados coa selección de Euskadi no amigable ante Venezuela do pasado venres xogado en Mendizorroza.


Visto o visto, entre viaxes, lesións e o pouco tempo para preparar o duelo, ‘O Turco’ Mohamed ten moito traballo por diante se quere regresar á senda da vitoria. O Celta leva cinco xornadas sen sumar de tres en tres e a necesidade aprema a un técnico e a un equipo cuestionado. En fronte, a revelación da liga, o Arabés do ‘Pitu’, un equipo coas pilas cargadas e que sabe ao que xoga. Os celestes aínda non deron coa tecla nese aspecto. O venres pode ser o día. 

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE