Cruzamento de declaracións entre Iglesias e Bescansa polo liderado en Galicia
O proceso de apertura de eleccións para liderar Podemos Galicia chega con polémica. O grupo oficialista de Carmen Santos propuxo a Carolina Bescansa como candidata a liderar o partido en Galicia. Con todo, en declaracións a La Sexta, Pablo Iglesias afirmou que lle “chama a atención” que Bescansa aspire a ese posto “despois de levar 20 anos vivindo en Madrid”. Pola súa banda, unha das fundadoras de Podemos respondeu a Iglesias afirmando que “as galegas non deixamos de selo cando emigramos”.
Carloni Bescansa xunto a Pablo Iglesias e Íñigo Errejón.
O calendario da terceira Asamblea Cidadá de Podemos Galicia arrinca este luns coa publicación na súa páxina web do regulamento do proceso, aprobado polo Consello de Coordinación o pasado domingo. O martes quedará aberto o período de recollida de avais para a configuración de candidaturas, que deberán ser presentadas entre o 8 e 12 de outubro, día no que se iniciará a campaña.
As votacións desenvolveranse telemáticamente do 18 ao 24 de outubro e, un día máis tarde, daranse a coñecer os resultados. As persoas que queiran votar no proceso deberán figurar como inscritos de Podemos Galicia 10 días antes do peche do censo, que se clausurará o 8 de outubro.
Os inscritos do partido morado elixirán nova dirección --Consello Cidadán-- e Secretaría Xeral ante un panorama con varias candidaturas. O primeiro en anunciar que se presentará a liderar a formación foi o deputado de En Marea no Congreso Antón Gómez-Reino. Despois de que o sábado, a actual secretaria xeral Carmen Santos anunciase a súa renuncia, o domingo o seu equipo confirmou que lle propoñían á tamén deputada Carolina Bescansa presentarse como candidata.
Segundo informaron os medios de comunicación, este luns terá lugar unha reunión entre o equipo de afíns de Santos e Carolina Bescansa tras a que se dará a coñecer, aínda que sen confirmar o día, a decisión de compostelá.
Escribe o teu comentario