Xabier Pérez Igrexas será candidato á alcaldía de Vigo polo BNG

O obxectivo do BNG, segundo afirmou Igrexas, é recuperar a presenza do partido no concello, que perdeu nas últimas municipais aos seus concelleiros


|

Xabier perez igrexas bng vigo

Xabier Pérez Igrexas | Imaxe: BNG Vigo


Xabier Pérez Igrexas será o candidato á alcaldía de de Vigo polo Bloque Nacionalista Galego. Así o anunciou o BNG local este mércores, despois de que resultase elixido nun "proceso interno de debate e posta en común dos retos que o BNG se marca nun novo tempo en Vigo". 


O obxectivo do BNG, segundo afirmou Igrexas, é recuperar a presenza do partido no concello, que perdeu nas últimas municipais aos seus concelleiros na cidade olívica. "O BNG sempre fixo avanzar ao noso concello con coherencia, con políticas nacionalistas e de esquerdas e sempre ao servizo da veciñanza", afirmou o candidato. 


Igrexas defendeu a "cidade como algo máis que un espazo, como unha verdadeira comunidade coas persoas no centro das políticas" e recalcou que o BNG centrarase nos problemas e as necesidades da veciñanza "para converter Vigo nunha cidade que xere oportunidades"


O candidato remarcou como obxectivos prioritarios "a vontade de traballar por unha cidade nova para a veciñanza, xusta e igualitaria, como territorio libre de recortes e humanizando de verdade. Un Vigo e unha Galiza libre de todas as violencias machistas". 


Así, agradeceu o traballo e a dedicación do anterior candidato Serafín Otero, o cal aproveitou para falar de Igrexas como un "compañeiro con amplísimo coñecemento da vida municipal, colaborador coa prensa escrita e dixital, activista nos movementos sociais e sindicais da ciudade" e como unha persoa "con ideas claras e sabedor que para o BNG de Vigo as eleccións municipais de maio de 2019 teñen un claro obxectivo, que non queda só con recuperar a representación institucional", senón en "lograr que esa presenza volva ser determinante para a cidade de Vigo".


O nacionalista, nado en Vigo hai 34 anos, foi secretario dos Comités Abertos de Estudantes e participou activamente no movemento veciñal da cidade coa Asociación Veciñal Val do Fragoso e a Federación Veciñal Eduardo Chao. En 1999 comezou a militar en Galiza Nova e no Bloque Nacionalista Galego e actualmente é responsable de Acción Municipal do BNG de Vigo.


Militante da CIG e parte do seu Consello Confederal e a Executiva Comarcal na cidade olívica, traballou no mundo da comunicación como colaborador e columnista na Nosa Terra, Xornal de Galicia, Galicia Hoxe e Sermos Galiza, entre outros medios. 


CANDIDATURAS NACIONALISTAS

Á de Xabier Pérez Igrexas súmanse ás xa anunciadas candidaturas nacionalistas de Iván Rivas en Ferrol, actual concelleiro; Francisco Jorquera en A Coruña, substituíndo á única concelleira nacionalista actual, Avia Veira González; Goretti Sanmatín en Compostela, que forma parte da corporación na actualidade; Luís Seara en Ourense, cidade onde o BNG non ten representación agora mesmo; e Rubén Arroxo de novo por Lugo, onde é o actual portavoz.

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE