Só leva 100 días de goberno e Pedro Sánchez tivo xa dúas crise de goberno. A primeira, coa dimisión forzada de Màxim Huerta, por un asunto de fraude a Facenda, que xa solucionara no seu día. Só estivo 7 días exercendo o seu cargo. Foi o ministro máis breve na historia de España. Este martes, a Ministra de Sanidade e Benestar Social, Carmen Montón anunciaba a súa renuncia despois do escándalo polo máster que obtivo presuntamente de maneira fraudulenta.
Curiosamente a súa dimisión prodúcese tan só tres horas despois de que o mismísimo presidente Pedro Sánchez afirmase que "a ministra está a facer un gran traballo e seguirá facéndoo". Unha afirmación que non se corresponde co sucedido. Hai que quedar ben e deixar á protagonista que sexa ela quen "tome" a decisión. E ademais, a xa exministra alega que marcha para non prexudicar ao Goberno. Montón aguantou o tipo durante a súa comparecencia ante os medios de comunicación. Agora tócalle aguantar o que lle veña enriba se é verdade o que se publicou no medio de comunicación que destapou o escándalo.
A dimisión da titular de Sanidade ten dous obxectivos: un, demostrar que o Goberno socialista toma decisións rápidas, aínda que sexa decisión dos "afectados" o deixar o goberno. Dous, é unha mensaxe directa ao novo líder do PP, Pablo Casado, que segue estando en dúbida polo asunto do seu máster. El nega irregularidades e non só non dimitiu ante a sospeita, senón que está a dirixir ao Partido Popular... Deuse por aludido Casado?
A polémica está servida. E a credibilidade da universidade segue estando en dúbida se non se explica ben o que ocorreu ata agora . Aparecerá algún escándalo máis nos próximos días? Ocorra o que ocorra que poñan xa unha boa estratexia de comunicación que inclúa tamén transparencia.
Non é un bo momento para o Goberno socialista, ao que se lle acumulan os problemas : Catalunya, as bombas de Arabia Saudita, orzamentos, e "dimisións" neste curto período de tempo no que leva gobernando en minoría.
Escribe o teu comentario