A alianza continúa: Casado escolle a Feijóo para responder á crise catalá

|

O PP organizou este sábado o seu tradicional acto de inicio de curso político. Casado aterrou en Galicia cos esperados ataques a Sánchez sobre Cataluña pero tamén unha sorpresa. Será o líder galego quen coordine a próxima convención do PP que elaborará o programa electoral. Un nomeamento que demostra a proximidade entre a cúpula do PPdeG e  os novos xefes de Génova.


O presidente do PPdeG e presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, reivindicou este sábado o compromiso do seu partido de "unir" á sociedade e instou aos seus a "seguir escoitando aos veciños" e a darlles a coñecer "sen complexos" o proxecto do partido.

Así o proclamou durante o acto de apertura do curso político celebrado, ante máis de mil persoas, na carballeira de San Xusto, en Cerdedo-Cotobade (Pontevedra), no que participaron, ademais do propio Feijóo, o presidente nacional do PP, Pablo Casado; o vicesecretario de Organización, Javier Maroto; a presidenta do Congreso, Ana Pastor; os presidentes provinciais; conselleiros; alcaldes; concelleiros; e outros cargos.


Feijóo inicia o curso político en Cerdedo-Cotobade

Durante a súa intervención, Feijóo recoñeceu que comeza un curso político "complexo", pero proclamou que o PPdeG aspira, nas próximas citas electorais, a "gañar" nos 313 concellos e catro provincias de Galicia.

ENCOMIO AOS SEUS PREDECESORES
O presidente da Xunta reivindicou a "estabilidade" do seu goberno e o seu "proxecto de país", e subliñou que o PP é un partido, en Galicia e en España, que "garante a unidade, a igualdade e a fraternidade dos pobos". Por iso, e pola "responsabilidade" que supón a "esixencia" dos cidadáns, animou aos seus a "seguir escoitando aos veciños" e a presentarlles o seu proxecto "sen complexos", a traballar para as próximas eleccións municipais con equipos que combinen "experiencia e ilusión" e "sen enganar a ninguén".

Así, apostou pola "política do sentidiño común" e tivo palabras de recordo e recoñecemento aos expresidentes galegos Fernández Albor e Fraga, e ao expresidente do Goberno, Mariano Rajoy.

CRÍTICAS Ao GOBERNO DE SÁNCHEZ
Por outra banda, Feijóo criticou duramente ao goberno de Pedro Sánchez pasados tres meses da moción de censura, e apuntou que todos lembran as súas "fichaxes estrela", pero "nin unha soa decisión dos membros do Goberno".

Así mesmo, volveu ha denunciar a intención do Executivo, que cualificou como "goberno de aparencias", de non transferir a Galicia os 200 millóns da recadación do IVE e o IRPF. "Esquecéronse dun mes para gastalo eles, agora dinnos boas palabras, pero non sabemos como o van a cumprir", sinalou, á vez que incidiu en que a "festa" do PSOE cos "populistas, nacionalistas e independentistas" terán que "pagala" os cidadáns.

ATAQUE A SÁNCHEZ
"O Pedro Sánchez de hai 3 meses presentoulle unha moción de censura ao Pedro Sánchez de agora", ironizou o líder do PPdeG, quen preguntou: "Como é posible que se equivocaron tanto en tan pouco tempo?".

Finalmente, referiuse á "confianza" que o PP outorgou a Pablo Casado, "presidente de todos os militantes" e pediulle que "escoite a voz da maioría" que queren "un país libre, unido e próspero".


Javier Maroto, Núñez Feijóo e Pablo Casado

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




Non está permitido verter comentarios contrarios á lei. Nos reservamos o dereito a eliminar os comentarios que consideremos fora de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal Cookies Consello editorial Publicidade
Powered by Bigpress