Comezan as obras de canalización do río Portapego sen autorización de Augas de Galicia
Aldea Viva denuncia que o Concello de Touro ha inciado a canalización do río Portapego sen autorización de Augas de Galiza
Imaxe: Aldea Viva
A asociación ecoloxista Aldea Viva denuncia que o Concello de Touro iniciou as obras de canalización do río Portapego sen autorización de Augas de Galicia. Segundo explica a asociación nun comunicado, o expediente atópase en período de información pública e en prazo de alegacións ata o día 28 de agosto.
"Pero o Concello de Touro, facendo caso omiso á lei de augas e para a sorpresa da veciñanza, comezou este luns día 20 as obras no río Portapego", declaran. Segundo explica Aldea Viva, procedeuse a tapar o tramo para canalizar con material de escavación. "Isto provocou o desbordamento de augas polas rúas do núcleo urbano de Fonte Díaz, á vez que deixaron sen caudal o leito natural de augas abaixo", denuncian.
Imaxe: Aldea Viva
A asociación adiantou hai unha semana que presentaría alegacións a estas obras, por entender, de acordo co informe de Augas de Galicia, que "os problemas no río Portapego son causados por actuacións nos terreos da mina". Así as cousas, consideran que Explotacións Galegas, propietaria dos terreos mineiros, debe acometer as actuacións necesarias nas súas propiedades "para evitar a contaminación e os arrastres de materiais que atascan o Portapego".
Escribe o teu comentario