"O problema das ambulancias vén da necesidade de EOXI e Sergas de vender eficiencia e suficiencia"
Galiciapress fala con Alberto Branco, portavoz do Comité de Empresa de Ambulancias do Atlántico, que vén de denunciar o traslado de pacientes infectocontagiosos e inmunodeprimidos nos mesmos vehículos
- Galiciapress fala con Alberto Branco, portavoz do Comité de Empresa de Ambulancias do Atlántico, que vén de denunciar o traslado de pacientes infectocontagiosos e inmunodeprimidos nos mesmos vehículos
- “Non hai protocolos que marquen a actuación desde o primeiro instante, nin actualizados, e aínda por encima, non acordados entre a EOXI e a concesionaria”
- "Sabemos, polo que temos falado con compañeiros doutras empresas, que este problema ten lugar por Galicia adiante en todas as áreas sanitarias en maior ou menor medida”
Cando unha ou un paciente cunha enfermidade infectocontagiosa en ambulancia, o protocolo de seguridade marca un aumento da protección do persoal. Ademais das luvas, as persoas traballadoras deben levar batas desechables, máscara, lentes e mesmo gorras desechables.
Se o illamento é de contacto, a ambulancia queda inoperativa ao acabar o traslado e é trasladada á base para que a dotación proceda á súa limpeza e desinfección. Nos illamentos respiratorios, será unha empresa especializada a que se encargue da desinfección ao final do traslado, e ademais durante a viaxe a cabina sanitaria queda totalmente pechada.
Este é o procedemento habitual “cando se nos informa”, como explica a Galiciapress Alberto Branco, portavoz do Comité de Empresa de Ambulancias do Atlántico , que vén de denunciar o traslado de pacientes infectocontagiosos e inmunodeprimidos nos mesmos vehículos. Branco traslada a postura da representación do persoal, formada por CIG, UXT e CCOO, e os delegados de Prevención de Riscos Laborais.
“Nos últimos anos, especialmente desde a apertura do Hospital Álvaro Cunqueiro (HAC), detectamos un incremento notable de enfermos en situación de illamento, tanto a nivel interhospitaliario como a domicilio”, expón Branco, o que supón un risco para familiares e contorna da ou o paciente porque a familia non conta con preparación, contorna nin medios necesarios.
O Comité detectou a principios de 2017 a carencia dun Plan de Coordinación de Actividades Empresariais, que regula as empresas que concorren nun mesmo centro de traballo para a realización da súa actividade. “Non hai protocolos que marquen a actuación desde o primeiro instante, nin actualizados, e aínda por encima, non acordados entre a EOXI e a concesionaria”. Branco informa de que o único procedemento que existe é o de desinfección da empresa cando se ten coñecemento do traslado dunha ou un paciente infectocontagioso.
O membro do Comité de Empresa conta un exemplo recente “de tantos”, cando unha traballadora do servizo de ambulancias de Vigo foi a buscar a un paciente de diálise e soubo que estaba a ser trasladado en vehículos de transporte colectivo con outras persoas, “cando no hospital é tratado como un illamento. Ao preguntarlle á enfermeira, esta dixo que estaba en illamento pero a médica inmediatamente dixo que nas ambulancias non había que tratalo como un illamento”.
Calquera paciente pode toser, vomitar, ouriñar, defecar ou, como no caso das persoas enfermas de diálises, pódeselle abrir a fístula e sangrar –“o que pasa máis a miúdo do que parece”- durante o traslado, o que supoñería expoñer ao persoal e aos e as usuarias. “Logo, os patógenos non veñen na ambulancia”, ironiza Branco.
As RESPOSABILIDADES
Pero, quen é responsable de actuar correctamente con este tipo de pacientes? “O problema vén da necesidade por parte da EOXI e do Sergas de vender eficiencia e suficiencia das actuais infraestruturas hospitalarias por unha banda. Pola outra, a empresa que se presentou á baixa ao concurso público necesita mostrarse ‘servil’ para con quen lle dá para comer”, considera o portavoz.
A pesar de que a xerencia e o Sergas neguen ter coñecemento da situación, a representación do persoal presentou por rexistro as reunións mantidas. Ademais, teñen constancia de que “polo menos una das dúas inspectoras de traballo que levan as denuncias interpostas por nós tivo que poñerse en contacto coa EOXI de Vigo, para poder resolver unha das denuncias”.
Así mesmo, desde o Comité expoñen que a empresa de ambulancias tenta non incorrer en máis gastos, un aforro que se traduce en “todo o que poida meter nunha ambulancia non o mete en dúas”. Tampouco ten en conta a EOXI, segundo Branco, a Prevención de Riscos Laborais de traballadoras e traballadores. “A responsabilidade é compartida desde o punto de vista sanitario: o Servizo Galego de Saúde a través da EOXI de Vigo”, declara.
Aínda que Vigo non é o único lugar onde se reproduce o problema. “A pesar de non contar con datos concretos, si sabemos, polo que temos falado con compañeiros doutras empresas, que este problema ten lugar por Galicia adiante en todas as áreas sanitarias en maior ou menor medida”, apunta o representante.
A representación do persoal apunta tamén ao “descoñecemento” da lexislación de transporte por parte de facultativas e facultativos, e “a falta de coidado por parte da Consellería por vixiar o correcto cumprimento”. Así mesmo, consideran responsable á empresa por tentar “aforrar” utilizando ambulancias de transporte colectivo para pacientes infectocontagiosos, algo prohibido taxativamente polo Real Decreto 836/2012.
As CONSECUENCIAS
A situación denunciada polo persoal de Ambulancias do Atlántico supón graves riscos sanitarios. “Primeiramente para os enfermos que poidan estar inmunodeprimidos que compartan ambulancia co paciente infectocontagioso no inmediato”, aínda que Branco explica que, de non estar activado o protocolo adecuado, o vehículo non será desinfectado, o que pode supoñer un contaxio a posteriori a pacientes, familiares e persoal.
As traballadoras e traballadores sofren ademais unha situación de desprotección por parte da mutua, xa que “cada vez que un compañeiro acode despois dunha exposición escúdanse en que non é demostrable que, de estar contaxiado, fose a causa do traballo”, o que consideran un intento de desviar os gastos á sanidade pública “para que corra cos gastos”.
UN SERVIZO “MERMADO”
“O servizo está a incumprirse ao noso entender con respecto do que marcan os pregos da concesión actual”, considera o Comité, que falou en anteriores ocasións dun servizo “mermado”.
Consideran que debería haber un maior número de ambulancias en servizo, o que permitiría, entre outras cousas, respectar os tempos de espera ou o tempo de pacientes nos vehículos desde que soben. “A empresa ten un persoal de máis de 100 traballadores, dos cales soamente tres técnicos son axudantes –vulgarmente coñecidos como camilleros- de luns a venres, dous pola mañá e un polas tardes. Isto obriga a desviar a miúdo unha segunda ambulancia para facer axudas nos domicilios, co cal é unha persoa menos trasladando pacientes”, condenan.
Escribe o teu comentario