'Pañuelazo Internacional' por un aborto legal en Arxentina
Compostela e Vigo acollen concentracións en solidariedade feminista coa legalización do aborto en Arxentina este mércores 8 de agosto
Imaxe: Campaña Nacional polo dereito ao aborto
O Movemento Feminista Galego convocou un 'Pañuelazo Internacional' en solidariedade coa legalización do aborto en Arxentina. Este mércores, 8 de agosto, Compostela acollerá unha concentración ás 20.00h na Praza do Obradoiro, e Vigo, á mesma, hora, fronte ao consulado arxentino en Cálea Príncipe.
"Polo dereito ao aborto, legal, seguro e gratuíto" é o lema da chamada internacional pola que se convocou esta acción para pronunciarse a favor do aborto nas rúas, prazas e embaixadas arxentinas ao redor de todo o mundo.
As asistentes están chamadas a portar un pano ou unha peza de roupa verde, cor que representa ás partidarias da legalización da interrupción voluntaria do embarazo (IVE) no país latinoamericano. O 14 de xuño o Congreso da Nación aprobou a Lei IVE con 129 apoios nunha xornada histórica para os dereitos das mulleres.
Este mércores comezará a votación que corresponde agora ao Senado, que necesita polo menos a aprobación de dous terzos da Cámara Alta. De seguir cara a adiante, Arxentina converteríase no segundo país de Latinoamérica en legalizar o aborto, despois de Uruguai.
Escribe o teu comentario