O PSdeG acusa á Xunta de anunciar millóns para o marisqueo sen garantir que cheguen a tempo nin a todos
A deputada socialista Pomba Castro rexistrou unha batería de iniciativas parlamentarias tras reunir coas mariscadoras de Mulleres Salgadas e cuestiona a eficacia real do plan de 22,7 millóns anunciado polo Goberno galego tras a catástrofe do inverno
O plan da Xunta chega despois dun inverno que foi, segundo Meteogalicia, un 81% máis chuvioso do normal, o que alterou o equilibrio natural dos ecosistemas mariños até reducir a salinidade a cero nalgúns puntos, provocando unha mortaldade masiva en bancos de ameixas, berberechos e mexillóns. Nas zonas máis golpeadas, como a ría de Noia, o sector fala de perdas de até o 90% da produción. Ante esta situación de emerxencia, o presidente Alfonso Rueda anunciou tras un Consello da Xunta a inxección de 22,7 millóns de euros adicionais ao sector do mar.
A maior parte dese investimento, 19,2 millóns, destinarase a convenios de colaboración coas confrarías e entidades xestoras dos plans de marisqueo para a restauración de hábitats e zonas de produción. A iso súmanse 1,5 millóns para a repoboación directa de especies e 2 millóns para proxectos de biodiversidade mariña. A conselleira do Mar, Marta Villaverde, subliñou que as medidas están pactadas co propio sector e que o obxectivo é garantir a sustentabilidade a longo prazo do marisqueo galego.
Desde a Federación Galega de Confrarías, o seu presidente, José Antonio Pérez Sieira, recoñeceu que o sector atravesa unha situación límite, a peor dos últimos anos, despois de que as mariscadoras xa arrastrasen dúas campañas moi duras, marcadas por riadas e mortaldade, e que este ano case acabou con todo nas zonas máis danadas.
"Non basta con anunciar cifras"
Con todo, a resposta do Goberno galego non satisfai ao grupo parlamentario socialista. A deputada do PSdeG Pomba Castro, tras escoitar directamente ás integrantes da asociación de mariscadoras Mulleres Salgadas, rexistrou no Parlamento galego unha batería de iniciativas que cuestionan tanto o alcance como a orientación do plan autonómico. "Non basta con anunciar cifras. O problema é en que se gastan e cando chegan", advertiu Castro.
Unha das principais preocupacións do grupo socialista é a axilidade na entrega das axudas. O PSdeG reclama que os fondos non queden atrapados en prazos administrativos que os volvan inútiles cando máis se necesitan. Unha denuncia que non é nova: a lentitude burocrática na chegada das subvencións ao sector pesqueiro foi obxecto de crítica recorrente por parte de confrarías e organizacións do mar galego nos últimos anos.
Outro dos focos do grupo socialista é a exclusión do marisqueo á boia de parte das axudas. Castro defende que esta modalidade reciba o mesmo tratamento que o resto das formas de extracción, unha demanda histórica do sector que, segundo o PSdeG, segue sen resolver co plan presentado pola Xunta.
Escribe o teu comentario