Maduro sinala a Santos, presidente de Colombia, como responsable do atentado con drons
Varios drons con cargas explosivas detonaron nas proximidades da tarima onde o presidente venezolano ofrecía un discurso con motivo da celebración dos 81 anos da Garda Nacional Bolivariana (GNB), provocando “algunhas feridas” en sete militares.
Nicolás Maduro nun desfile militar en Caracas (Europa Presss)
O presidente venezolano, Nicolás Maduro, tivo que abandonar este sábado de emerxencia o centro de Caracas nun acto pola conmemoración dos 81 anos da creación da Garda Nacional Bolivariana (GNB).
O ministro de Información de Venezuela, Jorge Rodríguez, confirmou que Maduro foi vítima dun atentado con “artefactos voadores de tipo dron que contiñan unha carga explosiva”, e que saíu ileso do suceso, que ocorreu durante un acto con militares en Caracas.
”O noso presidente Nicolás Maduro está en perfecto estado de saúde, en perfectas condicións (...), todo o traballo que se fixo permitiu establecer xa que se trata dun atentado”, dixo Rodríguez nunha alocución transmitida pola televisión estatal VTV.
De acordo co funcionario, varios drons con cargas explosivas detonaron nas proximidades da tarima onde Maduro ofrecía un discurso con motivo da celebración dos 81 anos da Garda Nacional Bolivariana (GNB), provocando “algunhas feridas” en sete militares.
Tras o sucedido, Maduro asegurou que o presidente colombiano saínte, Juan Manuel Santos, está tras o suposto atentado na súa contra. ”Despexamos a situación en tempo récord, e trátase dun atentado para matarme, tentaron asasinarme o día de hoxe e non teño dúbida que todo apunta á dereita, a a ultradereita venezolana en alianza coa ultradereita colombiana e que o nome de Juan Manuel Santos está detrás deste atentado, non teño dúbidas”, dixo.
Escribe o teu comentario