Persoal da mina de Touro: "Toda actividade ten impacto, o importante son as medidas de control"
Galiciapress fala con Óscar Cifuentes, representante do persoal que traballa actualmente na mina de Touro - O Pino. Defende "que o que facemos facémolo ben, e que o que propoñemos facer estará ben feito porque aí estamos os traballadores para que así sexa"
- Duascentas cincuenta persoas dependen de forma directa na actualidade da mina, e poderían chegar a ser 400 no caso de que o proxecto salga adiante
- Cifuentes: "Defendemos que o que facemos facémolo ben, e que o que propoñemos facer estará ben feito porque aí estamos os traballadores para que así sexa"
Cifuentes (3º pola dereita, primeira fila) xunto a persoal de mínaa | Imaxe: Mineiros Touro O Pino
Explotacións Galegas (EXGA), F. Gómez, Tratamentos Ecolóxicos do Noroeste, Tecnoloxía e Reciclaxe de Materiles e o Centro de Valorización Ambiental do Norte son as empresas, xunto a Cobre San Rafael (CSR) -a alianza entre Atalaya Mining e EXGA-, que traballan actualmente no proxecto da mina de Touro - O Pino.
Dentro delas, duascentas cincuenta persoas dependen da actividade mineira destes concellos, segundo explica Óscar Cifuentes Cordeiro en representación das traballadoras e traballadores a Galiciapress. O enxeñeiro Técnico Agrícola forma parte das vinte persoas empregadas por Cobre San Rafael, que se dedican na actualidade a tarefas de investigación xeolóxica como sondaxes, toma e análise de mostras, e soporte a estudos ambientais e de auga, co obxectivo de reabrir a explotación.
"Moita máis xente da contorna, de maneira indirecta, tamén vive destas industrias". Cifuentes refírese a talleres, provedores de subministración, pero tamén á hostalería. De seguir adiante co proxecto, que implica, segundo conta, un investimento inicial de 200 millóns de euros "que quedan aí xunto coas infraestruturas que se fagan", xeraríanse 400 empregos directos e "sobre o triplo de indirectos". O representante da persoal fala dun emprego "de calidade e continuidade", que levará investimento e gasto dentro da comarca. "Sempre cando un territorio mellora en emprego, melloran as oportunidades e calidade de vida. A xente pode facer plans de vida e as parellas novas pódense permitir ter nenos, que aumentará a poboación", explica.
Paralelamente aos movementos contrarios á mina naceu tamén un grupo que reacciona ante a posible negativa á reapertura, conformado por persoal das compañías que traballan no proxecto. "Reaccionamos con mobilizacións ante as propostas dos grupos políticos que piden que se caduquen as concesións", explica Cifuentes, que son "a base da actividade das nosas empresas". Así, segundo o enxeñeiro, a caducidade supoñería a "destrución dos nosos empregos e da oportunidade para xerar 400 máis".
Durante a súa campaña a favor da mina, empregadas e empregados reuníronse con "todos os grupos parlamentarios", ademais de acudir aos plenos dos concellos de Touro e Ou piñeiro. "A nosa mensaxe foi claro: defendemos que o que facemos facémolo ben, e que o que propoñemos facer estará ben feito porque aí estamos os traballadores para que así sexa", explica o enxeñeiro. Destes encontros saca unha conclusión: "os políticos e o resto dos colectivos están bastante desinformados", aínda que considera que "están a empezar a entender" que a comarca é mineira e industrial "e quere seguir séndoo".
Dentro do marco de visitas e mobilizacións, o persoal das empresas da mina de Touro - O Pino busca transmitir a súa versión ante as múltiples críticas que recibiu o proxecto, como o impacto que tería sobre o Camiño de Santiago. Para Óscar Cifuentes, protagonista do vídeo no pleno municipal de Touro, "non existe ningún tipo de afección nin á zona de protección, nin á área de respecto, e visualmente o proxecto é case inapreciable desde o propio camiño". Tal e como di no vídeo, "só" haberá unha voadura ao día, o que, cóntanos, "é practicamente imperceptible". "De feito en Touro non deixou de haber voaduras", di, "e sen maiores consecuencias".
Rexeita tamén o impacto ambiental que supoñería a reapertura baseándose nos estudos do proxecto e en "os moitos exemplos" de minería moderna "ben feita". "Toda actividade humana ten impacto, o importante é aplicar as medidas de control imprescindibles. Vén todo na Lei", declara a Galiciapress. Así, preguntado por os informes da Xunta de Galicia sobre a posible pegada na contorna, Cifuentes admite non coñecelos en detalle, pero di que aínda é un momento "moi inicial" do proceso, e confía en que a empresa "saberá" achegar informacións se non se entenderon ou faltan.
A reapertura da mina implicou a boa parte da sociedade galega, que se posicionou tanto a favor como en contra. Por unha banda, decenas de concellos aprobaron mocións en contra do proxecto e un gran número de persoas organizáronse para defender a súa contorna e pedir o rexeitamento á mina de cobre. Doutra banda, os propios gobernos locais de Touro e O Pino mostran o seu apoio á actividade, igual que o fan moitas outras persoas entre as que se atopa o persoal das empresas que dependen da concesión. Neste escenario, e ante os moitos acontecementos relacionados coa mina, preguntamos cales son as expectativas das persoas ás que representa Óscar acerca da viabilidade e a aprobación da reapertura.
"A lei regula os recursos naturais para que o país poida aproveitalos para xerar industria e riqueza. Isto é un proceso complicado e longo, pero se se cumpre con todo, non debe haber problema. Se ademais diso, sabemos que a maioría da xente da zona quérea… somos optimistas pero estamos vixiantes ante movementos en contra do emprego que hoxe gozamos a xente que traballa en Cobre San Rafael e as empresas que traballan na mina a día de hoxe", conclúe Cifuentes.
Escribe o teu comentario