Nun mundo dominado polos homes, en pleno século XXI, aínda existen prexuízos para que as mulleres poidan chegar a postos claves na sociedade. Minto, só hai un que é absolutamente feminino: o coidado da familia e o fogar.
En política, o estereotipo repítese. Poucas son as que alcanzan o primeiro posto. En España, despois de 39 anos de democracia, que xa son bastantes cantas mulleres foron cabeza de lista nunhas eleccións xerais? Ningunha. E poquísimas nunhas autonómicas. Tampouco foron presidentas do goberno, senón vicepresidentas, por aquilo do que non se diga e “aplicando” a lei da igualdade, cuxa posta en práctica é interpretativa segundo os intereses de quen a aplique.
Escasas son as mulleres que teñen a bendición masculina para chegar á primeira liña dos gobernos e das direccións dos partidos. Sempre deben estar en segunda ou terceira fila, pero tuteladas. Non hai que esquecer a conversación telefónica entre o número dous de Junqueras, Lluís Salvadó -cando estaban no Govern- que lle dicía ao seu interlocutor que ante as “dificultades” para atopar a unha muller para ocupar a consellería de Ensino, sería bo elixir a unha romanesa, ou brasileira que fose resultona, ou se non, “escolles á que teña as tetas máis grandes”. Ese é o concepto de moitos políticos, cuxa intelixencia se atopa situada na entreperna. Non sucedeu nada por ese comentario.
Este sábado resultou moi negro para dúas mulleres diferentes: Soraya Sáenz de Santamaría e Marta Pascal. A primeira optaba a presidir o PP. Partía de favorita despois de conseguir o voto da militancia nas primeiras primarias da historia dos populares. Pero no congreso, onde teñen o poder os compromisarios, “elixidos” polos aparellos territoriais do partido, ocorre o mesmo que en todas as formacións políticas. Aínda que o disfracen de democracia participativa, votaron a Casado -suma de todos os candidatos que participaron nas primarias- e deixaron fóra a Soraya Sáenz de Santamaría. Casado, o home de Aznar, é o encargado de retornar ao partido á doutrina do PP de Aznar. Realizou un discurso impregnado das esencias de Torreciudad. Casado, máis guapo, riseiro e empático que o seu mestre, dá moi ben o pego. Só ten 37 anos e non foi participe do Caso Gürtel. É o elixido dos grandes empresarios españois, que deixaron de crer na ex vicepresidenta. Os empresarios queren a un home novo que compita con Albert Rivera, e queren a un PP máis combativo cos independentistas cataláns.
Este importante número de empresarios, consideran en cambio, que o papel de Santamaría no conflito catalán foi un desastre. Non lle perdoan a súa estratexia que ao final levou ao fracaso. Faltoulle contundencia, afirman algúns. A economía de Catalunya está nunha nora e é necesario estabilizala. E aí está Casado para facer o traballo. Ademais farao con moito gusto. Tenlles unha ganas tremendas aos independentistas.
Soraya, que se tragou todos os marróns do Goberno - é o que lle tocaba- foi a gran incomprendida polos poderes e os traidores do seu partido. Incluído Rajoy? A política é como a plastilina, é moi moldeable.
En Catalunya, outra muller, Marta Pascal, a ata hora máxima responsable do PDeCAT, sucumbiu no tsunami propiciado polo mismísimo todopoderoso Puigdemont, que a quitou de encima para colocar a alguén máis manexable, da súa absoluta confianza que é Bonvehí, ata hai poucos meses moi amigo da Pascal. Fíxolle tamén a cama política?
O rumbo do PDCAT está xa marcado na dirección da Crida Nacional pola República…Imos, que os exconvergentes, con Trias incluído -vella garda de Pujol- botáronse ao monte do independentismo, coas pistolas da implementación xa da Republica catalá. Todo iso no medio das negociacións co goberno de Pedro Sánchez que, de momento, polo menos aparentemente, non se decatou das mensaxes que lle enviou este sector.
Puigdemont, no seu delirium tremens, forzou a Pascual a renunciar ao seu posto. Quere o control absoluto do “seu” partido? Vaino ter. Pascal púxollo moi fácil, e o resto dos que non comulgan coas ideas de Puigdemont, calan e séguenlle o xogo. Non queren ser sinalados… Todo un acto de valentía e convicción política. Pero só o fan polo ben do seu partido….
Como dicía, este sábado foi moi negro para dúas mulleres: Pascal e Sáenz de Santamaría. As pedras que elas dúas , e moitas máis mulleres ,atopáronse no camiñoo non as quita do medio nin o chapapote do Prestige.
"Xa fuches usada. Non permitas ser dominada", dicía Isadora Duncan.
Escribe o teu comentario