A Xunta adxudica 2,3 millóns a unha empresa investigada na Operación Enredadera
Veicar, cuxa sede foi rexistrada e cuxo coordinador de parque de bombeiros detido, acaba de fornecer a Medio Rural 11 camións contra os incendios. A Xustiza pediu os contratos con esta empresa a máis de 30 concellos.
Veicar, cuxa sede foi rexistrada e cuxo coordinador de parque de bombeiros detido, acaba de fornecer a Medio Rural 11 camións contra os incendios. A Xustiza pediu os contratos con esta empresa a máis de 30 concellos.
Camión de Veicar para a Xunta / elplural.com
O Xulgado nº2 de Badalona mandou á Policía entrar a sede de Vehiculos, Equipamentos e Carrocerias Prieto-Puga SL (Veicar) hai dúas semanas, no marco da Operación Enredadera. A UDEF rexistrou o despacho do coordinador dos 14 parques de bombeiros públicos que ten subcontratados Veicar. O directivo, Gerardo Feijóo, foi detido, interrogado en Badalona e está en liberdade con cargos.
A XUSTIZA PIDE DATOS SOBRE VEICAR A MÁIS DE 30 CONCELLOS
Ademais, segundo o auto xudicial de inicio de esta operación contra a corrupción ao que tivo acceso Galiciapress, a Xustiza ordena a numerosas administracións remitirlle os contratos con esta empresa de Bergondo. En concreto, pide datos aos concellos de Logroño, Vitoria, Alcobendas, Arroyomolinos, Fuenlabrada, Majadahonda, Villanueva de la Cañada, Pinto, Parla e Torrelodones (Madrid); Tiana e Mollet do Vallés (Barcelona); Plasencia (Cáceres); Illescas (Toledo); San Andrés del Rabanedo e Villaquilambre (León); Vélez Málaga, Mataró, Montgat, Pineda do Mar, Premiá de Mar e Rubí (Barcelona); Aldea del Fresno, Brunete, El Escorial, Galapagar, Manzanares el Real e Valdemorillo (Madrid), A Cistérniga (Valladolid), O Puig e Gandía (Valencia) e Sant Vicent do Rapeig (Alacante), ademais de O Grove, o único galego oficialmene baixo investigación, aínda que Verín tamén detectou "irregularidades".
Estas son as administracións nas que o xuíz sospeita que a trama -cuxo epicentro estaría no empresario leonés Jose Luís Ulibarri, tamén investigado na Gürtell, e as empresas Gespol e Bilmomática- puido subornar a cargos públicos e funcionarios para facerse con contratos. Entre elas non está a Xunta de Galicia, a pesar de ser un dos principais clientes de Veicar.
VEICAR ACABA DE GAÑAR UN CONCURSO DA XUNTA
De feito, hoxe Medio Rural anuncia que "incorpora 11 novas motobombas para a loita contra incendios forestais por importe de 2,3 millóns de euros". O contratista non figura na nota de prensa pero, como se pode comprobar na Plataforma de Contratación da Xunta é Veicar, a empresa investigada.
Veicar gañou este concurso mediante procedemento aberto. Presentáronse outras dúas ofertas, de UROVESA e Incipresa, e a de Veicar gañou, entre outros factores, por ser a máis barata.
VEICAR E A XUNTA GARDAN SILENCIO
Galiciapress contactou en varias ocasións con Veicar para ofrecer a versión da empresa e de Feijóo sobre a Operación Enredadera, sen recibir resposta. Esta redacción tamén ofreceu a Medio Rural a posibilidade de comentar esta noticia. A Xunta asegurou que non tiña nada que dicir.
A presente non é unha adxudicación excepcional pois, ademais de xestionar os 14 parques de bombeiros que dependen de Xunta e deputacións, Veicar é un dos principais subministradores de vehículos e outros materiais relacionados coas emerxencias das administracións públicas galegas.
NUMEROSOS CONTRATOS CON ADMINISTRACIÓNS GALEGAS
Nos últimos anos ten adxudicacións, ademais de coa Xunta, coa Deputación de Ourense, a Mancomunidade de Municipios da Mariña Lucense e os concellos de Arteixo, A Coruña, Lugo, O Incio e Viladecruces.
Veicar fornece motobombas e equipos de emerxencias tanto á Xunta como fóra de Galicia. Por exemplo, segundo informou iLeón, recentemente presentouse a un "superconcurso" para s subministración de camións para o Servizo de Prevención, Extinción de Incendios e Salvamento da Deputación de León. Tras coñecerse a súa suposta implicación na trama, "a empresa 'Enredadera' podería quedar fóra por asuntos burocráticos non resoltos de forma adecuada".
Escribe o teu comentario