Estes son os concellos máis ricos e as comarcas máis pobres de Galicia

Ata en oito comarcas do interior do país a fonte número 1 de ingresos son as pensións e outras axudas sociais. A riqueza, pola contra, concéntrase nas urbes atlánticas e as súas periferias.


|

Ata en oito comarcas do interior do país a fonte número 1 de ingresos son as pensións e outras axudas sociais. A riqueza, pola contra, concéntrase nas urbes atlánticas e as súas periferias.



Maiores envellecemento



Os fogares de oito comarcas galegas teñen como principal fonte de renda as prestacións sociais. Trátase dos Ancares, A Fonsagrada, Quiroga, Baixa Limia, O Ribeiro, Terra de Caldelas, Terra de Celanova e Viana.

Segundo un informe que publica este venres o Instituto Galego de Estatística (IGE), nestas comarcas a masa salarial é inferior ao volume de prestacións recibidas, o que implica que as cotizacións sociais pagas polos fogares non chegan a superar en ningún caso o 38% das prestacións recibidas.

A porcentaxe de poboación maior de 65 anos supera o 36% nestas oito comarcas, cando a media de Galicia é do 23,98%, segundo os indicadores demográficos do IGE.

Aínda que en 2015 non hai ningunha comarca cuxa principal fonte de renda proceda das rendas mixtas, este tipo de recurso supera o 25% da renda bruta dispoñible total en seis comarcas galegas: Arzúa, Xallas, Chantada, Meira, Sarria e O Salnés.

RENDA BRUTA POR HABITANTE
No ano 2015, de acordo coa información do IGE, a comarca da Coruña é a que presenta maior renda bruta por habitante e a única que supera os 17.000 euros. A súa renda é un 25% máis elevada que a da media galega. Séguelle en relevancia a de Santiago, cunha renda dispoñible de 16.089 euros por habitante.

As comarcas de Lugo e Ourense teñen unha renda dispoñible similar entre si. Mentres a comarca de Ourense é a única da provincia cunha renda por habitante superior á media, na provincia de Lugo, ademais da comarca da capital da provincia, tamén figura a comarca da Mariña occidental cunha renda por habitante 0,9 puntos superior á media.

POR CONCELLOS
Oleiros, cunha renda por habitante de 24.230 euros en 2015, é o concello galego cunha maior renda. Neste ano é un 75% superior á renda media galega (13.838 euros).

Outros seis concellos teñen unha renda media por habitante que supera en quince puntos ou máis á media galega no ano 2015: A Coruña, Santiago de Compostela, As Pontes de García Rodríguez, Ourense, Bergondo e Lugo. Os concellos de Culleredo, Nigrán e Teo atópanse entre os 10 concellos con máis renda por habitante.

Máis dun 35% dos habitantes de Galicia residen nos sete concellos máis poboados. Esta concentración ten influencia sobre a repartición da renda municipal, non só pola relación entre o número de habitantes e a renda total dun concello, se non porque tamén dá idea da concentración das actividades produtivas, xeradoras de renda e emprego, que actúan como elemento de fixación de poboación.

Así, nestes sete concellos concéntrase o 42% da renda galega. De feito, a renda total dos residentes na Coruña e Vigo supón o 23% do total da renda (e o 19 % da poboación).

A remuneración de asalariados é a principal fonte de renda no 62% dos concellos galegos. Con todo, a distribución por idades da poboación nun concello pode influír tamén en cales son as principais fontes de renda dos concellos.

Así, o paulatino envellecemento da poboación galega tradúcese nun incremento do número de concellos cuxa principal fonte de renda son as prestacións sociais distintas das transferencias correntes: se en 2010 había 81 concellos nesta situación, en 2015 son xa 115.

En 2015, só en sete concellos (Ames, Oroso, Culleredo, Oleiros, Cambre, Teo e Arteixo) son maiores as cotizacións sociais pagas que as prestacións sociais recibidas polos residentes.

Estes concellos caracterízanse por ter un peso da remuneración dos asalariados na renda bruta dispoñible elevada, sempre superior ao 80%. A nivel de toda Galicia, as cotizacións sociais pagas cobren dous terzos das prestacións sociais que reciben os galegos.

En 2015, as prestacións sociais supoñían o 32% da renda dispoñible bruta total de Galicia. Por concellos, este peso é desigual: nos máis envellecidos (principalmente da provincia de Ourense e interior de Lugo) as prestacións sociais chegan a supoñer máis do 50% da renda do concello. Pola contra, en Oleiros ou Ames non superan o 20% das rendas.

DATOS PROVINCIAIS
A Coruña é a provincia galega cunha maior renda bruta dispoñible, con 14.751 euros por habitante no ano 2015. Séguelle Lugo, con 13.419 euros; Pontevedra con 13.203 euros e por último a provincia de Ourense ten a menor renda por habitante, con 12.933 euros. Nas catro provincias a renda sobe con respecto a 2014.

A estrutura dos ingresos e dos gastos é diferente nas catro provincias. Nas provincias de Lugo e Ourense a achega das prestacións sociais á renda bruta dispoñible é maior e, pola contra, a das rendas do traballo asalariado é inferior.

A provincia de Lugo é a que rexistra un maior peso das rendas mixtas (procedentes do traballo non asalariado), un 21,5%, da renda dispoñible bruta no ano 2015.

Na provincia da Coruña destacan, en termos comparativos coas outra provincias galegas, as rendas da propiedade, que supoñen o 7,6% da renda. Estas rendas obtéñense como propietarios dun activo financeiro (intereses ou dividendos) ou dun activo material non producido (rendas da terra).

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE