A CIG asina o documento de carreira profesional pactado co Sergas
"CIG-Saúde recoñece que esta carreira asinada non recolle o 100% das súas reivindicacións, pero cando negociamos sabemos que é moi difícil chegar ao 100%, e pensamos que este documento asinado é un paso positivo para o conxunto das traballadoras e traballadores e para o desenvolvimiento da sanidade pública do futuro"
As negociacións pola carreira profesional (CP) foron longas. Fai apenas tres semanas, CESM era o único sindicato que aceptaba o acordo profesional do Sergas, e fai só una as centrais sindicais reuníanse para preparar mobilizacións conxuntas en Galicia para rexeitar a proposta do Servizo Galego de Saúde.
A pesar diso, este venres CIG-Saúde asinou o último documento pactado nunha negociación, segundo explica o sindicato, "condicionada polo acta asinada polo resto das organizacións sindicais da mesa sectorial, que non incluía ao persoal interino na carreira, condicionaba o valor económico do complemento da carreira ás dispoñibilidades orzamentarias e limitaba o acceso excepcional a un só grao retribuído".
A pesar das tensións vividas na mesa sectorial, a sección sindical da Confederación Intersindical Galega asinou o documento por diversos motivos, que explicaron nun comunicado. O apoio do persoal que formou parte da negociación "coa súa participación na mobilizacións" convocadas polo sindicato, o único documento que regula a CP "para todas as categorías", o sistema de carreira ordinaria sen cotas e a restitución dun dos acordos co Sergas "suspendido desde 2010" son os argumentos da organización para tomar a decisión.
Así mesmo, consideran saldadas as "limitacións iniciais na negociación", que correspondían á inclusión do persoal interino, a estabilización do valor retributivo do grao desta carreira co do réxime extraordinario, e a posibilidade de acceder a dous graos de carreira de forma excepcional.
"CIG-Saúde recoñece que esta carreira asinada non recolle o 100% das súas reivindicacións, pero cando negociamos sabemos que é moi difícil chegar ao 100%, e pensamos que este documento asinado é un paso positivo para o conxunto das traballadoras e traballadores e para o desenvolvimiento da sanidade pública do futuro", sentenciou a secretaria nacional, María Xosé Abuín.
Escribe o teu comentario