Un medio dixital e un programa sobre o Val de Barcala, premios da Bolsa Nacho Mirás
Un medio dixital dirixido ao público infantil e un programa de radio sobre o Val de Barcala son os proxectos gañadores do premio organizado e impulsado polo Colexio de Xornalistas en colaboración coa Facultade de Ciencias da Comunicación da USC.
A terceira edición da bolsa Nacho Mirás para novas persoas tituladas en comunicación fixo pública a súa resolución de 2018. Un medio dixital dirixido ao público infantil e un programa de radio sobre o Val de Barcala son os proxectos gañadores do premio organizado e impulsado polo Colexio de Xornalistas en colaboración coa Facultade de Ciencias da Comunicación da USC.
Pícaros.gal é unha plataforma de divulgación das noticias políticas, económicas, deportivas, culturais e tecnolóxicas dirixidas a nenas e nenos de entre 7 e 11 anos. O medio, presentado por Sabela Direito Rebollal, ten como obxectivo achegar a información ao público infantil cunha linguaxe adaptada á súa idade. "A combinación de recursos multimedia e interactivos farán máis atractivo o acceso e o consumo de noticias" no traballo de Direito, graduada en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Santiago de Compostela.
Doutra banda, a barcalesa Olalla Liñares García, graduada en Xornalismo tamén na USC, fíxose cunha parte da bolsa cun programa radiofónico semanal sobre a xente no Val do Barcala. Ou Quinteiro conformarase por unha serie de monográficos sobre a cultura tradicional e o patrimonio inmaterial galego, co apoio e a difusión da emisora municipal Radio Negreira.
A bolsa leva o nome do xornalista, colexiado do CPXG e profesor da Facultade de Ciencias de Comunicación da USC Nacho Mirás, que compartiu e foi capaz de transmitir sempre ao seu alumnado o seu entusiasmo polo xornalismo e defendeu a valía dos e as novas xornalistas.
Escribe o teu comentario