Por que queda Feijóo, por amor a Galicia ou por temor aos dossieres?

A explicación oficial é por compromiso con Galicia, a explicación que máis se comenta nos círculos políticos -tamén nos do PPdeG- é o medo ao lume amigo que probablemente sacou á luz as fotos co narco.


|

A prensa e os faladoiros deste martes sobordan de opinadores explicando as razóns polas que o presidente da Xunta non se presenta á sucesión. A oposición apuntouse deseguido á festa. Para o Bloque, Alberto Nuñez Feijóo queda porque ten medo aos dossieres da súa andanza con Marcial Dourado, unha rémora que tamén perciben desde En Marea. Mentres, no PSdeG cren que o líder galego non se vai porque sabe que en Madrid ten as de perder.


Explicar a sorprendente decisión a última hora do presidente da Xunta non é doado, nin sequera para a súa contorna máis próxima. Moito menos para Génova, que se quedou a cadros, temorosa dunha guerra civil.  Máis difícil aínda para os altofalantes mediáticos do PP estatal, que levaban semanas prognosticando o salto, incapaces de ler que detrás do prolongado silencio de Feijóo había algo máis que vaidade e estratexia. E incapaces de calibrar as presións para que non dese o salto en forma de titulares do principal aliado mediático de Feijóo en Galicia.


Se non foi nin por ego nin por táctica, porque Feijóo non se descartou desde o principio? No seu lacrimóxeno discurso de onte, o presidente do PPdeG admitiu que considerou en serio dar o paso á fronte. Por que non o deu finalmente?


A explicación oficial é por compromiso con Galicia, a explicación que máis se comenta nos círculos políticos -tamén nos do PPdeG- é o medo. Medo a que de onde saíron as fotos con Marcial Dorado saísen máis fotos ou outras informacións comprometedoras.



Marcial dourado e feijo

Feijóo, no fondo á esquerda, con Marcial Dourado, nunha das imaxes que lle filtraron ao País


"Se finalmente xoga as súas cartas, esa máquina de picar carne que é a política madrileña estaralle a esperar. Acaban de darlle unha nova man de verniz a certas fotos náuticas. Que se poña casco", escribiu José Luís Jiménez -uno dos poucos informadores con relación directa co núcleo duro de Feijóo- días antes de "a decisión". 


Moito se falou de quen filtrou as fotos co narco. O motivo oficial, que as filtrou o PSdeG, non acre ninguén a tal altura, porque os socialistas -que sabían delas- non as publicaron cando máis lles conviña, durante as campañas electorais que acabaron perdendo ante Feijóo.


A hipótese do lume amigo é a máis aceptada. Lume amigo que puido vir de Galicia -cando saíron á luz o PPdeG estaba convulsionado pola Operación Pokemon- ou de Génova. As dúbidas e o paso atrás do de Os Peares apuntan a que o propio Feijóo non descarta que alguién efectivamente estivese a sacar brillo aos dossieres das súas andanzas con Dorado. 


Tamén é certo que a explicación oficial, Galicia como máxima meta para a súa carreira, está apoiada polas bágoas do seu discurso. E está sovacada pola evidente ambición do político. Feijóo levaba anos abonando o seu ascenso. Cando estaba en Madrid, cultivando a súa imaxe de tecnócrata e bo xestor. Cando regresou a Galicia, viaxando constantemente á capital para deixarse entrevistar pola prensa madrileña e regándoa con anuncios de Turgalicia. 




En último termo, só Feijóo sabe porque queda. Como só Feijóo sabe se vai romper outra promesa, a que xa rompeu unha vez, a de non volver presentarse á Xunta. 

relacionada Os puntos débiles de Feijóo para non dar o salto a Madrid
relacionada Feijóo non será candidato á sucesión de Rajoy

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE