Emprendedoras galegas e portuguesas "con sal nas veas" únense en Mulleres Atlánticas
O obxectivo principal da iniciativa é empoderar e visibilizar ás mulleres emprendedoras do noroeste da Península, así como destacar o talento feminino e a calidade dos seus produtos e marcas
En xuño de 2018, por mor das mobilizacións feministas do 8 de marzo, naceu Mulleres Atlânticas, unha comunidade de mulleres emprendedoras "con sal nas veas" en Galicia que "une e promove as sinerxias e a xeración de negocio entre mulleres galegas e portuguesas".
O obxectivo principal da iniciativa é empoderar e visibilizar ás mulleres emprendedoras do noroeste da Península, así como destacar o talento feminino e a calidade dos seus produtos e marcas. Desde Ourense, Vigo e A Coruña, un grupo de tres emprendedoras promoveu o proxecto, ao identificar que Galicia é a comunidade con maior porcentaxe de mulleres autónomas de España.
"Compartimos algo máis que xeografía e costa. Compartimos historia e tradicións. Unha visión. Queremos chegar lonxe e unidas, crear unha rede colaborativa que nos impulse cara ás nosas metas individuais e comúns, xerar un impacto social e económico e contribuír para unha sociedade que cumpra coa igualdade de oportunidades". Así se definen desde Mulleres Atlânticas, cuxo obxectivo a longo prazo é converterse na comunidade de mulleres emprendedoras referencia do noroeste da Península Ibérica.
O vindeiro mércores 20 de xuño ás 17.00h o Museo do Mar de Galicia acollerá o evento de presentación do selo.
Escribe o teu comentario