AXG-CUT, STAJ e CIG reúnense este xoves para decidir se impugnan o acordo coa Xunta
O Diario Oficial de Galicia publica este mércores o acordo da Xunta que asinaron SPJ-USO, UXT e CC.OO.
Concentración en Pontevedra o 23 de maio | Imaxe: AXG-cUT
Alternativas na Xustiza - CUT, STAJ e CIG, os tres sindicatos que seguen no comité de folga de xustiza, prevén reunirse para decidir se impugnan o acordo co que a Xunta deu por "pechado" o conflito ligado ao paro indefinido de funcionarios do sector que arrincou o 7 de febreiro.
O acordo, que publica este mércores o Diario Oficial de Galicia (DOG), foi subscrito por SPJ-USO, UXT e CC.OO., e aprobado polo Consello da Xunta a semana pasada. Sucesivamente, estas tres organizacións sindicais abandonaron o comité de folga, un paso que tamén deu CSIF, aínda que non asinou o acordo.
Unha vez publicado, fontes do comité de folga consultadas por Europa Press explicaron que as distintas organizacións sindicais integradas neste órgano consultaron cos seus servizos xurídicos para ver cal sería o seguinte paso a dar, co foco en se é conveniente recorrer o acordo ante os tribunais.
Este xoves, está previsto que se reúnan en Santiago para poñer en común as súas distintas perspectivas, decidir se se dá finalmente o paso de impugnar e concretar tamén se desconvocan formalmente o paro, que de facto a Xunta xa deu por "finalizado".
ACORDO
O acordo que publica o DOG contempla, entre outras cuestións, incrementos salariais de 122 euros mensuais para os auxilios xudiciais, 127 para tramitadores, 135 para xestión e 140 para os médicos forenses.
Dita subida salarial concretarase o 50% en 2018; o 30% en 2019; e o 20% restante en 2020, ata alcanzar a súa totalidade. A Xunta asegurou que os incrementos se percibirán xa na nómina de xuño con efecto "retroactivo" a maio.
Tamén inclúe outros puntos relativos á eliminación de descontos nas baixas por incapacidade temporal, a articulación dunha compensación económica do persoal que realice unha substitución nun corpo superior, a consolidación de prazas de reforzo de máis de tres anos de duración, e a creación de prazas no marco do plan de modificación dos cadros de persoal aprobado en 2012.
Escribe o teu comentario