CIG-Saúde esixe ao Sergas máis persoal en Atención Primaria
A CIG-Saúde advirte á Consellería de Sanidade que, en caso de non adaptar as prazas de formación "ás necesidades asistenciais", "en breve" o SERGAS non terá persoal "para cubrir a taxa de reposición por xubilación, as quendas de garda ou as ausencias".
A Confederación Intersindical Galega acaba de lanzar un comunicado para esixir ao Servizo Galego de Saúde máis persoal en Atención Primaria.
A rama de Saúde da CIG insta ao Sergas para tomar en consideración os datos publicados nos Plans de Ordenación de Recursos Humanos de 2012 e 2013 para "adaptar as prazas en formación polo sistema de residencia (MIR e EIR) que se ofertan en Galicia ás necesidades reais que ten o SERGAS de cobertura de profesionais", segundo declaran na súa páxina web.
Ademais dos cadros de persoal, expoñen, "hai que engadir as necesidades de coberturas de medicina de familia e comunitaria no 061, urxencias hospitalarias e no centro de transfusións".
A CIG-Saúde advirte á Consellería de Sanidade que, en caso de non adaptar as prazas de formación "ás necesidades asistenciais", "en breve" el SERGAS non terá persoal "para cubrir a taxa de reposición por xubilación, as quendas de garda ou as ausencias".
Segundo os datos achegados polo sindicato, as xubilacións en pediatría e áreas específicas entre 2011 e 2017 foron de 165, mentres que o número de prazas en formación que se convocan en 2017 no mesmo ámbito é de 20. Os mesmos datos confrontan 315 xubilacións en medicina de familia no mesmo período de tempo coas 90 prazas ofertadas, e as 65 xubilacións de matronas que se mitigarían con 17 prazas en 2017.
Escribe o teu comentario