87.000 firmas para que as deputacións cofinancien os refuxios e protectoras de animais
Acusan o goberno provincial coruñés de gastar máis de 179.000 euros na repoboación de granxas cinexéticas para fomentar a caza en varias zonas, pero de non destinar "nin un euro a programas específicos para mellorar os cocientes de identificación animal, obrigatoria no caso dos cans, nin para previr contextos de malos tratos".
A Asociación animalita Libera e a Fundación Franz Weber instaron este sábado a que as Deputacións provinciais cofinancien o traballo solidario que realizan os diferentes refuxios e protectoras da comunidade, nunha petición para a que xa reuniron 87.000 firmas.
Ata o momento, os animalistas só lograron o compromiso verbal da Deputación de Pontevedra para impulsar estas subvencións, que son inéditas en Galicia. Por este motivo, amplían a súa solicitude tamén á Coruña, Lugo e Ourense.
Os animalistas móstranse críticos, en concreto, coa Deputación da Coruña. Acusan o goberno provincial coruñés de gastar máis de 179.000 euros na repoboación de granxas cinexéticas para fomentar a caza en varias zonas, pero de non destinar "nin un euro a programas específicos para mellorar os cocientes de identificación animal, obrigatoria no caso dos cans, nin para previr contextos de malos tratos".
As entidades indican que algunhas das accións que se poderían subvencionar co apoio das Deputacións serían unha porcentaxe das intervencións de esterilización, básicas para evitar o comercio ilegal ou as camadas indeseadas, "tan habituais nos gatos", unha maior contratación de coidadores para refuxios ou a compra de vehículos adaptados.
Neste sentido, os colectivos tamén instan a desenvolver campañas de sensibilización, como a que os propios animalistas están a preparar coa Deputación da Coruña e, onde ademais da distribución de material informativo nos 93 municipios da provincia, organizaranse charlas para dar a coñecer os preceptos da Lei de Benestar animal autonómica.
Escribe o teu comentario