A Asociación Pacientes CHUS denuncia a redución do espazo de rehabilitación do Clínico

"A Asociación de Pacientes non vai aceptar que se poñan obstáculos para que os pacientes podamos acceder a tratamentos incluídos na carteira de servizos", nin que se cren "novos nichos para que pasen a presentarse por parte da iniciativa privada á conta do principio de equidade no acceso e de universalidade na asistencia sanitaria", advirten.  


|

IMG 2047

Imaxe: Pacientes CHUS


A Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS vén de denunciar a diminución asistencial do servizo de rehabilitación do Hospital Clínico de Santiago de Compostela para instalar máquinas de radioloxía, segundo fixeron público nun comunicado. A asociación explica que actualmente "o número de fisioterapeutas do Hospital Clínico, Provincial de Conxo e Gil Casares é de 18", mentres que en terapia ocupacional hai 7 profesionais. 


Malia as demandas en relación ao servizo de rehabilitación transmitidas polo colectivo á Xerencia da EOXI de Compostela nunha reunión en xuño de 2017, a área sanitaria mantén "30 fisioterapeutas ambulatorios para case 400.000 habitantes asignados". O cociente, de 7,56 fisioterapeutas por cada 100.000 persoas, atópase por baixo da media estatal, que alcanza os 10 profesionais por 100.000 habitantes.


A asociación denuncia que, lonxe de mellorar as condicións actuais e de acordo coa información que solicitaron "por diversas vías", a xerencia "ten prevista unha redución ostensible do espazo útil e funcional dedicado á rehabilitación" no Clínico para colocar na sala de rehabilitación "a RM e TAC cedidos pola empresa Medtronic Ibérica, S.A.".


IMG 2052

Imaxe: Pacientes Chus


"Esta reforma, de confirmarse, supoñería na práctica o empeoramento na atención dun servizo insuficientemente dotado de medios persoais e gravemente deficitario en medios materiais e espazos especializados para rehabilitación infantil", sinalan. Para a Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS non é "tolerable desde ningún punto de vista" que "para ampliar un servizo tan necesario e imprescindible" como o radiodiagnóstico "se pretenda precarizar" a rehabilitación. 


Acusan tamén á empresa Medtronic Ibérica S.A de pretender "a utilización gratuíta dos medios públicos dispoñibles para ofertar os seus produtos testados nunha contorna hospitalaria fiable". "A Asociación de Pacientes non vai aceptar que se poñan obstáculos para que os pacientes podamos acceder a tratamentos incluídos na carteira de servizos", nin que se cren "novos nichos para que pasen a presentarse por parte da iniciativa privada á conta do principio de equidade no acceso e de universalidade na asistencia sanitaria", advirten. 

relacionada PSdeG propón a contratación por Lei de persoal cando as esperas de sanidade superen o límite legal
relacionada Os Puntos de Atención Continuada seguen "en pé de guerra"

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE