Os mestres do cotero

Manoel Barbeitos
Economista

22 de maio do 2011. Probablemente que as clases populares lembrarán esta data como unha das mais negras na historia recente de España e, xa que logo, de Galicia. Unha xornada na que se celebraron eleccións xerais cuxo resultado doulle ao o Partido Popular o control absoluto do Parlamento, o Senado e tamén dos mais importantes órganos xudiciais (Consello Xeral do Poder Xudicial, Tribunal Supremo, Audiencia Nacional, Fiscalía Xeral do Estado). Ganou as eleccións e puxo de presidente a Mariano Rajoy, seguramente un dos políticos mais anódinos e mediocres –non é que os anteriores, por caso J.M. Aznar e J.L. Rodríguez Zapatero, foran especialmente brillantes- que un pode coñecer. Probablemente iso suceda, pero estas clases non deberan esquecer outra data posterior, 26 de xuño do 2016, cando nunhas novas eleccións xerais o Partido Popular volveu a ser o partido mais votado o que lle posibilitou repetir a investidura de Mariano Rajoy como presidente aínda que esta vez fora grazas ao apoio de Ciudadanos. Deste xeito o Partido Popular leva sete anos gobernando en España, os mesmos que Mariano Rajoy leva como presidente. Todo un éxito político para o Partido Popular e para o propio M. Rajoy.


Un éxito que seguro tamén celebran as elites financeiras e económicas por que non é menos certo que baixo o mandato deste presidente dou comezo unha etapa na que aquelas –moi especialmente o chamado IBEX35- están gañando mais que nunca grazas a unhas políticas que, ben por acción ben por omisión, so teñen como obxectivo facilitar esas ganancias. Unhas políticas que ao tempo favorecen que moitos dirixentes e directivos do Partido Popular, o mesmo partido, se beneficien financeiramente grazas a unha enorme corrupción sistémica.


As evidencias están ai. Si baixo o mandato de Mariano Rajoy España pasou a ser un estado europeo líder en desigualdade foi por que as rendas de capital obteñen as maiores ganancias de sempre. Nunca as rendas de capital tiveran unha participación tan alta na riqueza nacional o que pon en evidencia un grande desequilibrio nas rendas, unha grande desigualdade social. Si as rendas de capital medran e por que as rendas do traballo diminúen, empobrécense. Todo isto sucede por que as políticas públicas que aplica o goberno de M. Rajoy –fiscal, monetaria, laboral…- teñen como horizonte favorecelas ganancias dos ricos, para que esa minoría social sexa cada vez mais rica. Cando o goberno español non persigue a fraude fiscal, unha das mais elevadas de Europa, pero aproba amnistías fiscais, cando se prima a imposición indirecta, cando se carga a presión fiscal sobre as rendas do traballo estase favorecendo conscientemente as rendas do capital, ás elites económicas e financeiras. Un trato fiscal discriminatorio que favorece o crecemento da desigualdade social.


O mesmo sucede cando se impoñen políticas laborais que, previo esgallado do movemento sindical, favorecen o despido e os contratos en precario. Desgraciadamente un importante sector da esquerda non pareceu darse conta no seu día que cando, primeiro o goberno de J.L. Zapatero e mais tarde o de M. Rajoy, aprobaban leis e tomaban medidas que tiñan como obxectivo debilitar o movemento sindical e a súa función negociadora, en realidade buscaban minimizar a negociación colectiva para así rebaixalos salarios e os dereitos laborais. Todo elo co obxectivo último de incrementalas ganancias da rendas de capital. Así chegouse a unha situación na que as clases traballadoras españolas, e con elas as galegas, nunca estiveron en tal nivel de precariedade, nunca houbo tal porcentaxe de traballadores pobres. Hoxe en España, e en Galicia, o ter un traballo xa non garanta evitar a pobreza.


Pero estas elites son insaciables, quéreno todo. E Mariano Rajoy está totalmente disposto a darllo. Estas elites queren facerse co negocio que poden crear as funcións públicas de benestar, moi especialmente as pensións. Estano conseguindo. Para elo o goberno español tanto aproba crecentes recortes no gasto público nestas funcións como facilita a entrada nas mesmas de capital privado. Unhas decisións que traen consecuencias sociais moi negativas especialmente para os maiores usuarios desas funcións que son, loxicamente, os cidadáns de rendas medias e baixas. Consecuencias que mais cedo que tarde serán moi visibles: aparecerán doenzas que parecían superadas, medrará tanto o número de mortes evitables como baixará a idade media de vida, as universidades públicas empeorarán os seus resultados, o ensino público medio e básico será moi ineficaz, a atención pública aos cidadáns mais necesitados será moi pobre, e cada vez serán mais os que estarán mal atendidos por que non poderán, por falta de recursos, utilizar eses servizos e produtos por estaren maiormente privatizados ou seren moi caros.


Por todas estas razóns e moitas mais as datas do 22 de maio do 2011 e 26 de xuño do 2016 serán consideradas como moi negras para un número moi elevado de cidadáns en España e, xa que logo, en Galicia. Moitas mais razóns, como por caso que neste período destapouse, grazas a acción valente dalgúns maxistrados, unha corrupción política que, dada a súa extensión e intensidade, ten un carácter sistémico. Neste período quedou en evidencia que os dirixentes e directivos do Partido Popular en España, e en Galicia, tiñan decidido que cando chegaran ao goberno os recursos públicos que lle negan as clases populares ían servir tanto para o seu enriquecemento persoal como para financiar actividades claramente ilícitas do seu partido. O constante paso polos xulgados de un crecente número de dirixentes populares, incluso do propio presidente do goberno Mariano Rajoy, confirma o carácter sistémico desta corrupción. Unha corrupción que está causando un enorme dano a democracia en España, e en Galiza. Unha corrupción que pon en evidencia o talante e o concepto da democracia destas elites políticas e económicas, por que non hai corruptos sen corruptores.


Unhas elites que fieis ao ideario neofranquista que defende un estado moi centralizado (“España una grande y libre”) queren esnaquizar o estado das autonomías que consagra a propia Constitución Española e que tanto traballo estaba custando construír. Un obxectivo para cuxa consecución non dubidan en perseguir, con saña pero tamén cunha actuación partidista da xustiza, a todos aqueles dirixentes políticos e cidadáns que non profesan tal ideoloxía e sexan independentistas ou simplemente soberanistas. Unha actuación que lesiona de tal xeito os dereitos e as liberdades democráticas mais fundamentais que incluso atopa un claro rexeitamento en moitos estados europeos nada sospeitosos de ideas descentralizadoras, como por caso Alamana.


Si. Son abondosas as razóns para que moitos cidadáns españois, e galegos, pensemos que aquelas datas trouxeron consecuencias moi negativas para España e, xa que logo, para Galicia. Son datas que demostraron contundentemente que as políticas en España, e en Galiza, non gardan relación cos intereses públicos pero si cos privados das elites económicas e financeiras. Unhas elites que conseguen todo o que queren por que, como diría Noam Chomsky, son “os mestres do cotero”.

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Máis opinión
Opinadores

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE