Maceira (A Mesa): "Reivindicamos poder vivir en galego sen trabas"
Queremos Galego acaba de convocar a manifestación do Día das Letras Galegas. En conversa con Galiciapress, Marcos Maceira critica á Xunta por manter unha "guerra fría" contra o idioma. Ademais, o presidente da Mesa pola Normalización Lingüística fala da mobilización, da situación da nosa lingua e das propostas da organización para que se respecten os dereitos lingüísticos.
Queremos Galego acaba de convocar a manifestación do Día das Letras Galegas. En conversa con Galiciapress, Marcos Maceira critica á Xunta por manter unha "guerra fría" contra o idioma. Ademais, o presidente da Mesa pola Normalización Lingüística fala da mobilización, da situación da nosa lingua e das propostas da organización para que se respecten os dereitos lingüísticos.
Marcos Maceiras | Imaxe: A Mesa pola Normalización Lingüísticas
A Plataforma Queremos Galego vén de convocar a tradicional manifestación do Día das Letras Galegas, o 17 de abril. Un acto que prevén multitudinario, reivindicativo e festivo. “Agardamos unha convocatoria masiva, como as dos últimos anos”, comenta Marcos Maceira, presidente da Mesa Pola Normalización Lingüística. “Se o galego existe é porque hai un pobo detrás que o sustenta”, afirma. E é que á mobilización do 17 de abril está chamada “toda a xente que apoia o galego”, independentemente de crenzas ou ideas políticas.
No día dedicado a María Victoria Moreno, Queremos Galego busca unha atmosfera xubilosa, “unha celebración da nosa actitude de galegas e galegos con carácter festivo, nun ambiente que reivindica poder vivir en galego sen coaccións nin trabas”.
E a reivindicación diríxese á Xunta de Galicia e a Madrid. A administración, segundo Maceira, actúa “con total irresponsabilidade cando non exerce as competencias legais para garantir o uso do galego”. “Temos que levantar o artigo 155 porque a Xunta e o Goberno estatal non queren que se desenvolva a lingua”, engade.
Mais a defensa da lingua non é exclusiva dun día de maio. A Mesa Pola Normalización Lingüística, un dos colectivos que forman parte da Plataforma e que marchará o 17 baixo o lema “en galego día a día”, acaba de apoiar a manifestación do pasado 21 de abril en Oviedo pola defensa do galego-asturiano. “En Galicia temos unha oficialidade da lingua, e polo tanto, uns dereitos mínimos, aínda que non se cumpren”, mais a situación en Asturias, segundo Maceira, é peor, porque “non teñen nin eses dereitos recoñecidos”. “Afortunadamente hai movementos crecentes de defensa do galego-asturiano”.
Tamén en contra do “artigo 155” que a administración autonómica e estatal exercen sobre o galego, a Mesa acaba de aprobar impulsar o Observatorio dos Dereitos Lingüísticos, un organismo xa existente que busca a defensa e promoción do galego por tres vías: “a realización de informes para coñecer a situación do galego”; “a elaboración de propostas concretas”, como as reflectidas no informe sobre a programación infantil en galego; e ‘A Liña do Galego’, un servizo público “de denuncias de situacións de vulneración dos dereitos lingüísticos”.
Coa proposición non de Lei de medidas de normalización lingüística no sector audiovisual, A Mesa busca reverter situacións como que o galego non chegue á comercialización. O presidente explica que a dobraxe ou lendas no noso idioma dos contidos non se inclúe nos DVD’s, por exemplo, malia estar dispoñible na versión televisiva. Maceira di que a proposición son “accións que ata agora non tomou o goberno”.
Pregúntase se o goberno vasco chegou a un acordo hai uns anos cunha canle para ofrecer subtítulos en euskera nos seus contidos, “por que o galego non pode facer o mesmo?”. Porque, conclúe Marcos Maceira, “hai unha guerra fría –e ás veces quente- entre a Xunta e o galego”.
Escribe o teu comentario