CSIF pide un mediador para a folga da Xustiza rachando a unidade sindical
Tras a dimisión do presidente do comité de empresa este fin de semana, seguen aparecendo fendas entre os sete sindicatos que negocian o paro. CSIF pide unha "actitude responsable" a outras centrais e propón un ex-xuíz para mediar coa Xunta.
Tras a dimisión do presidente do comité de empresa este fin de semana, seguen aparecendo fendas entre os sete sindicatos que negocian o paro. CSIF pide unha "actitude responsable" a outras centrais e propón un ex-xuíz para mediar coa Xunta.
Este sindicato está integrado no comité de folga que integran, por orde de representatividade, SPJ-USO, Alternativas na Xustiza-CUT, UXT, CSIF, STAJ, CIG e CC.OO. Precisamente, nun comunicado remitido aos medios, esixe a as "organizacións máis representativas" unha "actitude responsable na procura dunha proposta de acordo suficiente para ser sometida á decisión última e final do persoal de xustiza".
"A sociedade galega non entendería que, tras máis de 76 días de folga, ambas as partes nos estancáramos no inmobilismo e non buscásemos outros puntos de encontro que permitan aos funcionarios de xustiza de Galicia ter a última palabra neste conflito", sinala CSIF.
Con todo, considera que "a estas alturas" e "coas relacións entre as partes moi desgastadas", a mediación dunha persoa independente, coñecedora do conflito e da administración de xustiza pero allea ao conflito "é imprescindible".
"Un mediador que, tras manter reunións bilaterais coa Xunta e coas organizacións sindicais máis representativas da Xustiza en Galicia, sexa capaz de, o máis axiña posible, elaborar un documento de compromiso que sexa sometido á aprobación dos funcionarios", engade.
Para iso, propón ao maxistrado en excedencia e ex Presidente en España do Grupo Europeo de Maxistrados pola Mediación (GEMME), Agustín Azparren Lucas. "Ao longo da súa dilatada traxectoria profesional mediou e solucionou diversos conflitos", lembra CSIF, que se compromete a trasladar aos funcionarios a proposta que resulte deste proceso.
"É a hora da responsabilidade para todas as organizacións sindicais e facemos un chamamento a todos os sindicatos para que se somen a esta iniciativa que debe de ser a saída definitiva ao conflito", apunta.
Escribe o teu comentario